Unha caravana automobilística demanda en Compostela pór fin á "estafa legalizada" da AP-9

Caravana de protesta en Compostela, con Néstor Rego e Goretti Sanmartín. (Foto: Cedida)
A mobilización, convocada este domingo polo BNG, exixe a aplicación das medidas recollidas no acordo de investidura para a autoestrada do Atlántico, que debe ser segundo a formación "galega e sen peaxes". 

Este domingo, o BNG convocou unha nova caravana automobilística para reclamar unha "AP-9 galega e sen peaxes" na cidade de Santiago de Compostela. Após máis de tres meses agardando a que o Goberno do Estado aplicase as medidas recollidas no acordo de investidura asinado co Bloque, a formación nacionalista reclama que se cumpra e se apliquen de maneira inmediata aquelas relativas a esta autoestrada.

Isto implicaría a bonificación de 100% para usuarias recorrentes, a eliminación das portaxes no tramo Vigo-Redondela e mesmo a absorción das subas previstas nos convenios asinados en 2011 e 2013.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou xunto á voceira municipal, Goretti Sanmartín, na mobilización contra o que califican como "estafa legalizada" e que supón ter as portaxes máis caras do Estado español.

 "O día 1 de xaneiro estes descontos tiñan que entrar en vigor e, pola contra, o que aconteceu foi que anunciaron unha nova suba, mesmo das máis elevadas, facendo que por cuarto ano consecutivo a AP-9 sexa a autoestrada do Estado español que máis subise", denunciou Rego. "Tiveron todo un ano para prever os cambios normativos e negociar con Audasa", engadiu.

O deputado tamén fixo alusión a que a pasada cuarta feira, na sesión de control ao Goberno, a formación nacionalista preguntou sobre a aplicación destas medidas. Malia que o Ministro de Transportes reafirmou o seu compromiso co cumprimento do acordo, "evitou unha concreción sobre cando tiñan que entrar en vigor esta medidas". 

"Só quedan no Estado español tres autoestradas con concesións de longa duración de 75 anos e dúas delas están na Galiza", dixo Rego

En todo caso, o BNG anunciou que seguirá traballando para que se apliquen canto antes e co obxectivo xeral de que a AP-9 "acabe sendo galega", entendendo ademais que "está máis que amortizada despois de máis de 40 anos de concesión".

"Hai que saber que só quedan no Estado español tres autoestradas con concesións de longa duración de 75 anos e dúas delas están na Galiza: esta e a AP-53, Santiago-Dozón", destacou Rego. Así mesmo, recriminou que mentres o resto de autoestradas da súa xeración "finalizaron ou finalizan a concesión entre 2018 e 2023, a AP-9 aínda continuará coa concesión até 2048 se non se remedia".