Cara a un emprendemento igualitario

Mostra pop-up de empresas de economía social galega desenvolvida no mercado de Santo Agostiño da Coruña o ano pasado.
A consideración do modelo cooperativo como "un vehículo de igualdade real" é unha das explicacións que recolle o estudo galego Motivacións das mulleres para emprender cooperativas. Ana Olveira, presidenta da asociación EspazoCoop e unha das súas autoras, corrobora a crecente aceptación das  emprendedoras galegas por esta fórmula laboral, que xa se apunta nos datos da análise, correspondentes a 2018 (os últimos oficiais).

Nel fálase dunha media de 46,6% mulleres nas cooperativas obxecto de análise, unha cifra que mellora as que se compilan no Libro branco da economía social na Galiza, realizado polo Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) da Universidade de Santiago de Compostela, e que viu a luz en novembro. Nel sitúase a media de socias fundadoras en 37%, aínda que con picos, como o referido a entidades de consumo e usuarias (45,95%), de ensino (69,5%) ou de servizos sociais (75%), estas últimas máis minoritarias.

"En gran medida, os factores para a elección do modelo da economía social teñen que ver cos propios principios cooperativos, elementos como a axuda mutua, unha xestión democrática que significa que cada persoa vale un voto, sen importar o sexo ou o capital que ten na empresa, o acceso a formación ou a participación en igualdade", sinala Olveira, que subliña que, segundo se desprende destes estudos, as mulleres perciben e valoran que "non teñen que facer un esforzo extra, que valen igual que os compañeiros e que poden ter o mesmo peso nas decisións empresariais". Dá outro dato. "Neste modelo empresarial non hai practicamente fenda salarial", advirte.

Autoemprego

Segundo expón a especialista, cuestións como esta levan a  que as porcentaxes de mulleres emprendedoras que avogan por esta fórmula superen no histórico –agás en 2017– as doutros modelos empresariais. Cunha media de emprendedoras que rolda 40% na última década, o número de socias promotoras superou en varios destes anos 50% nos casos das cooperativas de traballo asociado, principal fórmula de autoemprego, onde as propietarias son as traballadoras.

Como indica a especialista, sectores como o do transporte, "moi masculinizado", ou o cooperativismo agrario –con 39,69% de mulleres, pero unha proporción moito máis escasa nos órganos de dirección– representan "unha realidade totalmente diferente", pero que incide na porcentaxe xeral. Son, observa, realidades moi distintas á do cooperativismo de traballo, onde non existe unha diferenza de roles de xénero tan marcada e quen toma as decisións laborais é a persoa que traballa. "Para estar nunha cooperativa agraria é diferente, tes que ter a túa propia explotación. Vense casos onde a socia é a muller, pero quen vai á asemblea é o home", remarca. 

O Libro branco da economía social na Galiza fixa a concentración de actividade das cooperativas galegas arredor de tres actividades, como son a agricultura e a gandaría, a industria manufactureira –fundamentalmente, o téxtil– e o comercio ao por maior, e detecta "ampla marxe de mellora na constitución e consolidación de cooperativas en sectores "estratéxicos" para a economía galega, como o mar e a explotación en común da terra. Para a experta, o descoñecemento é un factor que frea as mulleres para apostar neste modelo de emprego, "porque unha vez que toman contacto é a fórmula que elixen". 

Difusión do modelo cooperativo a través da formación

Para Olveira, "existe unha importante falta de difusión dos modelos de cooperativismo e economía social" na Galiza, aínda cando a rede EuSumo, que a Xunta puxo en marcha en 2012, serviu para poñer entidades e Administracións en contacto e facer divulgación. "Somos dos poucos territorios do Estado nos que estes modelos non forman parte, nin directa nin indirectamente, dos plans de estudos a nivel universitario, e apenas aparecen tampouco nos de FP", censura.