ÉXODO MASIVO DE PERSOAS DESPRAZADAS

“O capitalismo non ten alma, ten carteira”

Estación de tren de Hungría [Imaxes Iria Pedreira]

A crise humana causada polo maior éxodo após a II Guerra Mundial agravouse nos últimos meses, porén xa en 2014 a cifra de persoas desprazadas de maneira forzosa alcanzaba dados históricos. A indignación social contrasta coa inacción da UE e a comunidade internacional. Na Galiza xermolan propostas solidarias que urxen a actuación dos gobernos galego e español. 

 

"Esta é a crónica dunha situación anunciada", asegura Carmen Escalande, integrante da equipa de comunicación de Médicos Sen Fronteiras (MSF) en conversa con Sermos Galiza. "Co que vivimos no mes de abril xa previamos que podía acontecer pois o pasado ano a Operación Mare Nostrum [desenvolvida pola UE] resgatou 170 mil persoas que o propio Frontex recoñecía como refuxiados", explica. 

O endurecemento das políticas que impiden o acceso das refuxiadas através das fronteiras terrestres incrementa o seu paso pola perigosa vía marítima. Porén, a Unión Europea optou por cancelar Mare Nostrum e substituíla pola Operación Tritón que "ten por obxectivo o control fronteirizo" mais non a "búsqueda e resgate" de persoas no Mediterráneo, sinala Carmen Escalande. 

A partir dese momento, no mes de abril, Médicos Sen Fronteiras lanzou os seus tres buques a augas mediterráneas, o Phoenix, o Argos e o Dignity I. Para alén diso, manteñen centros de atención sanitaria en Italia e Grecia, onde reciben as persoas refuxiadas que conseguen cruzar o Mediterráneo. "Pagan máis de mil euros por subir a esas embarcacións", di. Xunto a isto e perante o agravamento da situación nas fronteiras de Serbia, Macedonia e Hungría, despregaron os seus medios tamén nestes territorios. 

"Hai moitas deficiencias nos países receptores", denuncia. E non só en materia sanitaria, de alimento ou acubillo, tamén de "asesoramento para solicitar asilo". "Hai persoas dispersas, tiradas en hoteis abandonados", sinala en relación á costa grega e italiana. E a cifra de refuxiad@s continúa a aumentar. 

Líbano e Xordania, colapsados

"Segundo as Nacións Unidas cruzan cada día a fronteira 3.000 persoas" por mor "do deterioro da situación nos países de orixe", nomeadamente na Siria. Asemade, explica Escalande, "Líbano e Xordania", os países que até o momento daban acubillo á maior parte de refuxiad@s (unha de cada catro persoas residentes no Líbano é siria), "están colapsados". Só na Siria téñense rexistrado 12 millóns de desprazamentos forzosos, 8 millóns de persoas fuxidas dentro do propio país e 4 que saíron fóra. 

Unha de cada catro persoas residentes no Líbano é siria

Carmen Escalante afirma taxativa que estamos perante "refuxiados" e non "migrantes". "Responde a un concepto estabelecido hai moito tempo" como recolle o "Estatuto do Refuxiado" que define estas persoas como "aqueles que fuxen para salvar a propia vida" polo que "teñen dereito a solicitar asilo para garantir a súa protección e obteren refuxio". Non se trata pois dunha "motivación da persoa que por situación económica marcha para buscar unhas mellores condicións". 

"Os Estados membros da UE teñen que cumprir cos protocolos asinados" e garantir "refuxio e auxilio" a estas persoas

Neste senso, Escalante lembra as obrigas dos Estados membros da UE. "Teñen que cumprir cos protocolos asinados" e garantir "refuxio e auxilio" a estas persoas. Desde Médicos Sen Fronteiras lembran que as imaxes que estamos a ver nas fronteiras terrestres e no Mediterráneo son o resultado do rexeitamento das solicitudes de asilo e visado, como aconteceu con Aylan Kurdi, a crianza cuxo corpo sen vida nunha praia turca deu a volta ao mundo através das capas da imprensa. A súa familia solicitara asilo en Canadá. Foille denegado. Tentaron cruzar e deron coa morte todos agás o pai. 

"Mentres chegan as solucións queremos que se reforce a operación de búsqueda e resgate, sabemos que non é unha solución mais senón vemos o que acontece", di Carme Escalante en referencia ao caso de Aylan Kurdi. 

"Esta é a única vía que lles deixamos para fuxir", sentencia. "Se hai traficantes é porque hai persoas coas que traficar". "A xente cruza porque está desesperada". 

"Esta é a única vía que lles deixamos para fuxir, se hai traficantes é porque hai persoas coas que traficar"

Porén os Estados membros da UE non adoptarán ningunha medida concreta até o 14 de setembro cando se celebre unha cimeira extraordinaria para abordar a crise humana que e está a producir nas súas portas. Os gobernos comunitarios atópanse fortemente divididos. A postura alemá que, sorprendentemente encabeza aqueles executivos que apostan na acollida de refuxiad@s, atópase confrontada coa do primeiro ministro húngaro. Viktor Órban --quen mantén a construción dun muro de 175 km. na fronteira entre Hungría e Serbia-- está a endurecer as súas políticas fronteirizas. 

Un Plan de urxencia para refuxiad@s.

Lalín e A Coruña ofrécense para dar acollemento

Pola súa banda, o Estado español --que defende a política de cotas comunitaria pola que se repartirían @s refuxiad@s entre os distintos estados da UE-- está a regatear coa cifra que finalmente aceptará asumir. Desde o grupo parlamentar do BNG urxiron ao presidente da Xunta a desenvolver un "plan de urxencia" para dar asilo na Galiza ás familias refuxiadas. 

"Diante da  denominada crise de refuxiados, que non é outra cousa que a expresión da terríbel inacción dos gobernos europeos ante o sufrimento humano, o grupo parlamentario do BNG insta  á Consellaría de Traballo e Benestar a elaborar de inmediato un Plan de acollida de persoas refuxiadas con dotación orzamentaria, establecer  cos concellos, que o demanden, unha liña de colaboración para o realoxo das persoas refuxiadas e  facilitar o proceso a todas aquelas persoas e familias interesadas en colaborar nas tarefas de acollemento". 

Alberto Núñez Feijóo anunciou após o Consello da Xunta que o goberno comunicou a Madrid a súa disponibilidade para acoller "300 refuxiados sirios" no caso de que o executivo español así o solicite e unha vez que a Unión Europea acoute “o alcance e contido das obrigas de cada Estado membro”, pois “as nosas instalacións e as nosas capacidades asistenciais acreditan que podemos darlles servizo”, dixo. 

Desde a fronte nacionalista coidan que a "inacción" internacional reflicte "unha vez máis" que "o capitalismo non ten alma, ten carteira". 

Pola súa banda, o Concello de Lalín da man do seu alcalde, Rafael Cuíña (CxG) ofreceu instalacións municipais para acoller refuxiad@s de igual maneira que A Coruña comezou a tramitar a súa configuración como "cidade refuxio", unha iniciativa que tamén desenvolverán Barcelona e Madrid.