Unha construción medieval partida á metade: neste estado quedou a capela de Pazos de Arenteiro, en Boborás

A capela de San Roque, en Boborás (Foto: Europa Press).
Unha vez que estea realizada a valoración dos danos, o concello e o cura da parroquia buscarán o financiamento necesario para poder rehabilitar este elemento patrimonial.

As choivas causaron o derrubamento de parte da estrutura da capela de San Roque, no concello de Boborás (comarca do Carballiño), máis en concreto na localidade de Pazos de Arenteiro.

Foi un veciño o que, esta segunda feira, deu aviso de que caeu a parede exterior da capela, de orixe medieval.

Até o lugar desprazouse a alcaldesa, Patricia Torres, así como o cura do municipio, que retirou todo o que había no interior da capela, a excepción do retablo, debido a que está apontoado a unha das paredes.

Sen danos persoais

A alcaldesa explicou que se trata dun espazo rehabilitado hai pouco tempo, polo que "se atopa en bo estado", pero a cantidade e a intensidade da choiva nos últimos días provocou que caese a parte exterior dunha dobre parede, aínda que non houbo que lamentar danos persoais nin tampouco materiais máis aló da estrutura.

"Os veciños están moi afectados, dado o valor emocional e relixioso que ten este espazo, pero as imaxes están ben, non se viron afectadas e xa estudamos como recuperar a capela", sinalou Torres, que xa solicitou unha valoración dos danos para saber se afectou algunha outra parte da estrutura que non sexa tan visíbel, como pode ser o tellado.

Agora, o concello apontoará a estrutura e realizará un perímetro na zona por motivos de seguridade para evitar danos se chega a producirse outro derrube.

Unha vez que estea realizada a valoración dos danos, o concello e o cura da parroquia buscarán o financiamento necesario para poder rehabilitar este elemento patrimonial.