De 'Capatoxos' a 'rabiosos', un paseo polos alcumes colectivos das localidades galegas

Os "pseudoxentilicios" seguen vixentes para moitas localidades galegas.

Fronte ao aséptico xentilicio, na Galiza practicouse durante anos como unha arte o pseudoxentilicio, eses alcumes colectivos entre o sarcásticos e o pexorativo que se pon aos habitantes de determinadas localidades por parte das localidades veciñas. Moitos deles perviven ao paso das décadas para orgullo ou escarnio de quen os recibe. De onde son os afogacritos? E os capatoxos? A que veciñanza se lle chama A da Rabia?

Boa parte dos "máis de corenta mil topónimos de lugares habitados que existen no territorio lingüístico galego nunca tiveron un xentilicio correspondente e si, en troques, teñen ou poden ter alcumes colectivos ou ditados tópicos de xorne festivo, humorístico ou pexorativo". É a reflexión que fai Henrique Costas, lingüista da Universidade de Vigo, no seu informe sobre os xentilicios da Galiza.

Os pseudoxentilicios son obxecto de estudo e de interese desde hai tempo a nivel popular e aos poucos tamén no mundo académico. Un exemplo disto último é o Portal de ditados tópicos galegos, unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos. 

Nesta base rexístranse até 1.772 formas, que son a un tempo alcumes e xentilicios  de diferentes comarcas da Galiza. Van desde aqueles cun carácter máis descritivo, como os zapateiros, os veciños de Noia, polo oficio; até o máis despectivo, como os carrachentos para se referir aos habitantes de San Breixo de Oza.

Unha ampla listaxe

Costas cita varios casos no seu estudo, entre os que están algúns ben coñecidos e que seguen usándose no día a día: picheleiros (composteláns), paraugueiros (ourensáns), pixíns (cedeireses), cascarilleiros (coruñeses da cidade da Coruña), portugueses (vigueses)... Mais a listaxe deste tipo de denominacións é moi ampla e inclúe alcumes colectivos do máis curioso ou rechamante. 

Como os que reciben os de certas zonas de Porto do Son: capatoxos e fanecas asadas. Ou o de papeiros para os de Chantada, tiñosos para os de Cambados e afogacristos para os de Carril. Estes últimos, cun alcume que o ruxe ruxe da comarca atribúe a que lles caeu a imaxe de cristo ao mar nunha procesión ou de que ao amarrar as dornas a cruceiros na beira do mar, tumbaron un.

Non sempre con agarimo

Os de Ferrol son tamén coñecidos cun máis que contundente vilapodre. Suman un importante continxente de alcumes os de Cangas do Morrazo: Choróns, raspeiros, cañoteiros, luróns, pulpeiros... Aos de Celeiro dinlles chilindríns, de cando a tripulación de barcos ingleses que arribaban a ese porto da Mariña chamaba aos rapaces que xogaban no peirao (children). 

Noutra vila mariñeira, desta volta na Ría de Arousa, Rianxo, aos seus habitantes dicíaselle ‘os que matan a mosca na perna’. Ao parecer, os mariñeiros preferían estar fumando e sen facer nada (matando moscas) que saír a pescar. Desconxuntados os do Valadouro, fabeiros os de Vilalba, carcamáns os da Illa de Arousa, calleiros os de Xunqueira de Ambía, Os da Rabia os do Carballiño...

De oficios a animais

Entre os ditados tópicos, explica Costas, predominan os alcumes colectivos de oficios (telleiros, oleiros, zapateiros, cesteiros, pescos…), os referidos a produtos do campo (pataqueiros, pimenteiros, nabeiros…), a nomes de animais (merlos, tabáns, cucos, carrizos, lobos, gatos, lagartos…) ou alcumes relativos ao emprazamento ou característica da localidade (montañeses, ribeiraos, afumados…).

Unha riqueza lingüística recollida a través dos carteiros

O ‘Portal de ditados tópicos galegos’ é unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega e a Fundación Camilo José Cela. A base aproveita o material galego dun ambicioso proxecto do que fora premio Nobel —a redacción do Diccionario geográfico popular de España—que o padronés acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado español. 

"A comezos de 1971 enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte", recordaba nunhas xornadas organizadas pola Real Academia Galega en 2018 o filólogo David Rodríguez.

Henrique Costas, pola súa parte, sinala en 'Xentilicios de Galicia' que hai ditados tópicos que se repiten para diversas localidades; así, por exemplo, carroucheiros son os da Alvariza-Noia, Villestro-Santiago e Luou-Teo; guímaros son os de Ois-Coirós, Tuimil-Bóveda, A Pobra do Brollón e Guímara-Peranzais; cunqueiros son os de Guntín-Bóveda e Degaña; carabuñeiros son os de Teo-Teo, Ponte Ulla-Vedra e Cela-Mos.