DE ONDE VÉS SENDO? OS OUTROS XENTILICIOS

Dos ‘capatoxos” de Porto do Son aos ‘vila podre’ de Ferrol ou os 'afogacristos' de Carril: mapa dos outros xentilicios de Galiza

Rúa do Ensanche, en Compostela. Aos da capital galega chámaselle 'picheleiros'.

Máis directos e contundentes que os xentilicios, os alcumes que reciben os habitantes das localidades galegas por parte dos residentes das vilas veciñas dá para un tratado no que se dan a man xeografía, historia, localismo e tamén algo (ou moito) de sarcasmo e meter o dedo no ollo.

Os de Burela son burelenses/burelaos  pero ‘pataqueiros’, o alcume que reciben e polo que se lles coñece na comarca, conta máis da vila que o xentilicio. O mesmo pasa cos de Vilagarcía, onde o aséptico vilagarciáns non di moito. Non así o alcume polos que se lles coñece en toda a Ría de Arousa, ‘ingleses’, procedente de cando ese era porto habitual de recalada da armada británica. Pasar co dedo por riba un mapa de Galiza e en cada lugar que toque o índice poderían saltar eses alcumes colectivos, ás veces máis dun para o mesmo lugar: ‘Xabrentos’ para os de Ares, ‘papeiros’ para os de Chantada, ‘ceboleiros’ para os de Celanova ou ‘tiñosos’ para os de Cambados. Hai para todos.

 

O ‘Portal de ditados tópicos galegos’ é unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega e a Fundación Camilo José Cela para aproveitar os materiais galegos dun ambicioso proxecto do que fora premio Nobel, a redacción do ‘Diccionario geográfico popular de España’, que acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado. "A comezos de 1971, enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte", recordaba nunhas xornadas da RAG o filólogo David Rodríguez.

 

O Portal de ditados tópicos galegos ofrece dixitalizadas e transcritas máis de 1.200 fichas que constitúen unha rica fonte para o estudo dos alcumes colectivos. "Nesta base de datos rexístranse ata 1.772 formas, que son a un tempo alcumes e xentilicios. Van desde o máis descritivo, como os zapateiros, os veciños de Noia, polo oficio, ata o máis despectivo, como os carrachentos para se referir aos de San Breixo de Oza, parece que só para "ofender", informaba David Rodríguez en ditas xornadas.

 

Que aos de Santiago se lles di ‘picheleiros’ (construtor ou vendedor de picheis, un recipiente xeralmente de estaño) é ben coñecido.  Como aos da Coruña ‘cascarilleiros’ (pola cascarilla do cacau), ou aos do Grove, ‘mecos’.  Mais hai outros alcumes colectivos que sorprenden máis. Como os que reciben os de certas zonas de Porto do Son: ‘capatoxos’ e ‘fanecas asadas’. Ou o de ‘papeiros’ para os de Chantada, ‘tiñosos’ para os de Cambados e ‘calderetas’ para os de Celanova.

 

Chilindríns, fidalgos, caliveras e os que matan a mosca na perna

 

A través dese portal pode facerse un interesante percorrido: 'fidalgos’ ou ‘quinquilleiros’ para os de Monforte, ‘turulús’ para os de Vilaxoán ou ‘afogacristos’ para os de Carril. Estes últimos, cun alcume derivado de que lles caese a imaxe de cristo ao mar nunha procesión ou de que ao amarrar as dornas a cruceiros na beira do mar, tumbaron un. Quen sabe?

 

Os de Ferrol reciben un máis que contundente ‘vila podre’ e os de Lugo suman até 12 alcumes colectivos diferentes, segundo barrios ou parroquias: Callarengos, coellos, cucos, furasoles... Tamén sumanun importante continxente os do municipio de Cangas do Morrazo: Choróns, raspeiros, cañoteiros, luróns, pulpeiros... No outro lado da Ría, Vigo, onde tamén abundan estes alcumes. Aos de Lavadores chamábaselles 'moscovitas' (era ben coñecida a tendencia esquerdista desa parroquia), mentres os de Teis recibían un contudente 'pescadillas meladas'. E 'matamanexos' para os de Matamá.

 

Mirando xa para o norte de Galiza, aos de Celeiro dinlles ‘chilindríns’. Disque lles quedou cando a tripulación de barcos ingleses chamaba aos rapaces que xogaban no porto desta vila mariñeira (“children”). Noutra vila mariñeira,desta volta na Ría de Arousa, Rianxo, aos seus habitantes dicíaselle ‘os que matan a mosca na perna’. Ao parecer, os mariñeiros rianxeiros preferían estar no porto fumando e aburríndose sen facer nada (matando moscas) que saír a pescar.

 

‘Desconxuntados’ os do Valadouro, ‘fabeiros’ os de Vilalba, ‘cabalos’ ou ‘galos’ os de Bueu, ‘carcamáns ou ‘carabaos’ os da Illa de Arousa, ‘calleiros’ os de Xunqueira de Ambía, ‘Os da Rabia’ os do Carballiño, ‘fanequeiros’ e ‘caliveras’ para os de Vilanova de Arousa, 'os da Paula' (Paula é o nome da campá maior da Catedral mindoniense) os de Mondoñedo.. e así até 1.772 formas. Un rico e sorprendente patrimonio que, se ben desaparecido en boa medida da memoria colectiva, continúa vivo grazas a este portal.