"Caos" no Hospital de Verín: "Estamos anulando citas programadas de xuño a outubro pola falta de facultativos"

Manifestación fronte ao Parlamento da Galiza, en decembro de 2019, contra os recortes no Hospital de Verín. (Foto: Nós Diario)
Representantes do persoal do hospital piden a dimisión de altos cargos administrativos "se non son capaces de xestionar como se debe".

A Comisión Delegada do Hospital Comarcal de Verín, formada por representantes das e dos traballadores, vén de denunciar a "situación de caos" que se produce no servizo de Medicina Interna dese centro, que atribúe á "falta de xestión na cobertura de facultativos". Isto, afirman, provoca "unha situación de total deterioración na calidade asistencial".

A respecto diso, inciden en que no Hospital de Verín o servizo de Medicina Interna "estaba recoñecido como un bo servizo no que atinxe ao seu funcionamento", que contaba con oito facultativos.

"Pero desde 2015 —engaden— denunciamos o desmantelamento do devandito servizo optando por reducir o número de efectivos en persoal e aumentando a poboación para ser atendida neste hospital, derivando pacientes da comarca de Xinzo de Limia e da zona de Sanabria, reducindo en 2015 efectivos, de oito a sete", lamentan.

Así, destacan que en 2015, coa redución de médicos, "non se cubriu a praza de xefe de servizo cando este se xubilou" e "mesmo se rescindiu un contrato a un internista", critican os representantes de traballadores, que tamén apuntan que "desde hai uns meses a situación é aínda moito máis grave".

Na actualidade, asegura a Comisión Delegada, "hai catro facultativos de interna e un hematólogo —responsábel do banco de sangue— para facer gardas", xa que un médico "ten solicitada a exención de gardas", alén dunha baixa de longa duración doutra profesional, sen cobertura, "o que implica que teñan que vivir practicamente no hospital para dar cobertura ás gardas de 24 horas", coa consecuente "situación de extremo caos".

Non libran as gardas

Debido a iso, pregúntanse os representantes dos traballadores "por que os internistas non libran as gardas e continúan traballando despois dun período de presenza física no hospital de 24 horas".

"Desde a dirección pídese aos facultativos do servizo a súa voluntariedade para cubrir gardas, xa que non é suficiente o número de efectivos, están a anularse citas programadas de pacientes en consultas externas de momento desde os meses de xuño a outubro por non ter facultativos para poder atendelos", sosteñen.

Por parte da Comisión Delegada reclaman a "reposición dos facultativos eliminados do servizo" e, "dada a gravidade da situación", instan a que "se deixe de desmantelar o hospital". "E se non son capaces de xestionar como se debe, provocando cos seus recortes unha mala calidade asistencial, solicitamos as súas dimisións ou cesamentos de forma inmediata", conclúe.