Gráficos

Cantos días chove ao ano en cada cidade galega? E cal é a máis chuviosa?

Santiago e Ferrol son as cidades nas que máis días chove cada ano, e Ourense na que menos.
Nos últimos 50 anos o cambio climático e mais as súas consecuencias están moi presentes a nivel global. Analizamos se hoxe chove máis ou menos nas principais cidades galegas e cal 'lidera' este ranking.

Grazas aos datos recollidos na European Assessment & Dataset é posíbel coñecer cantos días chove ao ano nas diferentes cidades galegas. E con estes datos, visualizar a evolución dos días chuviosos para cada ano.

A Coruña

 

Na cidade costeira da Coruña, non se pasou dos douscentos días chuviosos ao ano, e seguindo a liña de tendencia, as chuvias anuais sufriron unha redución nestes cincuenta anos. De media, cada ano chove 169 días.

Lugo

 

Na cidade amurallada os datos previos ao 1986 non están dispoñíbeis, co cal o período representado é menor. De todas formas, os días chuviosos tenden a ser menos ano tras ano pero manténdose polo xeral por riba dos 150 días de chuvia. De media chove 168 días ao ano.

Ourense

 

En Ourense a tendencia de días chuviosos mantense entre os 120 e os 140 días con chuvia. Pese a iso, hai moita irregularidade entre ano e ano. A media de días chuviosos é de 130 días ao ano.

Pontevedra

 

Pontevedra é unha cidade máis ben irregular no respectivo aos días de chuvia ao ano, tendo un mínimo de 103 días con chuvia en 1973, e un máximo de máis de 180 días chuviosos en 2014. Así mesmo, a tendencia é a alza e xa está por riba dos 160 días chuviosos anuais. Así é todo, a media anual é de 156 días con chuvia.

Santiago de Compostela

 

Na capital galega os días chuviosos mantéñense entre os 150 e os 200 días, cunha tendencia cara arriba, estando agora moi cerca dos 200. A media anual é de 173 días chuviosos ao ano.

Vigo

 

A cidade viguesa ten unha tendencia ao aumento de días chuviosos, os cales oscilan entre os 150 e os 200. Porén, no gráfico compróbase que hai varios anos nos que se baixa dos 150. A súa media anual é de 157 días con chuvia por ano.

Ferrol

 

Para a cidade de Ferrol os datos recolléronse da páxina de Meteogalicia e hai unicamente desde o ano 2000. Nestes máis de vinte anos, as chuvias estiveron presentes por riba dos 150 días e por debaixo dos 200, a excepción dos anos 2008 e 2014. Pese a estas cifras, a tendencia marca un lixeiro descenso desde o comezo do século XXI no que a días chuviosos respecta.

Comparativa

 

Comparando a media de días de chuvia, a capital galega e Ferrol son as cidades nas que máis días chove cada ano, e Ourense na que menos. Polo que vemos, as cidades no norte galego teñen máis días con chuvia ca os do sur.