Gráficos

Cantas noites tropicais e días calorosos houbo nos últimos anos nas sete cidades galegas?

Ourense é a cidade galega con máis días calorosos por ano, cunha media de perto de 60. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Coruña bateu o seu récord de noites tropicais o ano pasado, con seis, mentres Lugo é a única cidade galega que non rexistrou xamais este evento.

Coñecemos as noites tropicais como aquelas  nas que as temperaturas mínimas diarias non descenden dos 20ºC. Os días calorosos pola súa parte, son aqueles en que a temperatura máxima é superior aos 30ºC. Ambos os fenómenos chegan a ser daniños para a saúde das persoas.

As noites tropicais xeran estrés térmico, que pode xerar patoloxías cardiovasculares, enfermidades respiratorias, falta de soño ou incluso efectos na saúde mental. Estes efectos serán especialmente nocivas para aquelas poboacións non acostumadas a eles, como é o caso da Galiza. A continuación móstrase unha serie de gráficos sobre o número de noites tropicais e días calorosos houbo nas principais cidades galegas nos últimos 50 anos.

A Coruña

 

Na Coruña as noites tropicais son fenómenos limitados a entre tres e ningunha aparición cada ano. Porén, o pasado 2023 foi unha excepción, chegando até os seis días con noites tropicais. A tendencia é á alza nos últimos anos.

Os días calorosos serían máis repetidos anualmente, cunha media de un día e medio cada ano. Así e todo, nos últimos anos tende a habelos con maior frecuencia.

Ferrol

 

En Ferrol as noites tropicais son fenómenos puntuais, cunha media de unha por ano. Unha excepción sucedeu no ano 2006, cando houbo até seis. En canto aos días calorosos, aparecen de media cinco veces ao ano, experimentando nos últimos anos un lixeiro aumento.

Lugo

Lugo é a única cidade galega que non rexistrou ningunha noite tropical desde que hai datos dispoñíbeis. A nivel de días calorosos, porén, rexístranse case trece anuais, e os datos sinalan que o número aumentará nos próximos anos.

 

Ourense

 

En Ourense, as noites tropicais son máis frecuentes que noutras cidades galegas e ocorren de media case dous días ao ano. O máximo rexistrado foron doce en 1980, e cómpre destacar que nos últimos dous anos sucedéronse até oito veces.

Para os días calorosos os datos demostran o seu aumento ano tras ano. A media marca que hai case sesenta días calorosos ao ano, mais desde a década do 2010 a maioría dos anos superaron os setenta días, chegando ao récord no 2018, cando se produciron máis de 90 días.

Pontevedra

 

A cidade de Pontevedra rompeu o récord no verán de 1970, rexistrando máis de trinta noites tropicais, mais despois desta anomalía o fenómenos viuse reducido a menos de dúas noites tropicais anuais.

E no relativo aos días calorosos ocorreu algo semellante: naquel ano 1970 rexistráronse máis de 50, para despois baixar a niveis máis regulares con pouco máis de 17 anuais.

Vigo

 

As noites tropicais en Vigo aumentan co paso dos anos, e tiveron o seu pico hai xa dúas décadas, no ano 2003, cando houbo até en dez ocasións este fenómeno. A media mantense aínda así por baixo de dúas ao ano.

Os días calorosos tamén rexistraron un aumento significativo nestes anos e o seu máximo foi no ano 2013, con 40 días. A media situaríase por debaixo dos trece anuais.