MAPAS

As dunas, ricos ecosistemas ameazados pola acción humana: cantas quedan na Galiza?

Mapa dos sistemas dunares por concellos sobre unha fotografía das dunas de Corrubedo, en Ribeira.
Os ecosistemas dunares son de gran relevancia para a conservación e protección das costas, pois posúen unha gran cantidade de atributos ecolóxicos e servizos ecosistémicos.

As dunas costeiras son ecosistemas terrestres singulares que se atopan na transición entre ambientes continentais e mariños. Lamentabelmente, a maioría destes ecosistemas sufriron degradacións debido á presión antrópica; é dicir, polos humanos.

A costa galega posúe unha extensión aproximada de 2.000 km, incluíndo as numerosas illas e illotes. En todo o litoral, as dunas son unha paisaxe coñecido polas galegas e galegos. As máis coñecidas son as de Corrubedo (Ribeira), pero hai moitas máis dispersas polas praias galegas.

Cal é a importancia das dunas?

Os ecosistemas dunares son de gran relevancia para a conservación e protección das costas, pois posúen unha gran cantidade de atributos ecolóxicos e servizos ecosistémicos. Nas dunas desenvólvese unha vexetación moi particular, xa que as plantas deben ser capaces de crecer nun ambiente pouco común.

As dunas compóñense por areas inestábeis, con pouca accesibilidade á auga e cunha exposición continuada a grandes masas de aire. Xunto á vexetación, representan o fogar de diversas especies de fauna, entre as cales destacan as endémicas e outras consideradas prioritarias de conservación.

Así mesmo, actúan como protección fronte a eventos extremos de oleaxe e como unha barreira que protexe o litoral de posíbeis inundacións, mais para esta protección serían necesarias as vexetacións dunares. Ademais encádranse dentro das chamadas infraestruturas verdes, ao seren naturais. Non só protexen os núcleos de poboación da costa, tamén os ecosistemas próximos que dependen desta formación areosa.

A maiores, son espazos arqueolóxicos dun elevado valor cultural debido á gran cantidade de restos que poden atoparse das distintas comunidades que habitaron o territorio.

Factores de erosión e degradación das dunas

Os complexos sedimentarios costeiros son ecosistemas fráxiles que dependen de numerosos factores para a súa conservación. Porén, as dunas non desaparecen facilmente, pois para que o fagan definitivamente antes terían que desaparecer as praias. A súa saúde si que se deteriora, e cómpre lembrar que o sistema da duna é necesario para os ecosistemas próximos. O que evidencian numerosos estudos é que esta degradación é culpa exclusivamente das actividades antrópicas.

Nun estudo do investigador Juan López Bedoya, en colaboración co catedrático Augusto Pérez Alberti, ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela, recóllense algúns dos factores da degradación nas dunas.

- As infraestruturas portuarias. Estas construcións modifican os sistemas de correntes, o cal ten unha repercusión directa nos arenais próximos.

- Usos e ocupación dos cordóns dunares. Aquí entrarían, entre outros, a extracción de area de grandes dunas para rehabilitar outras praias, a creación de sendeiros sobre as dunas, ou as infraestruturas turísticas, como os paseos marítimos.

- A contaminación das praias. A dinámica mariña dirixe e distribúe os refugallos na costa.

Onde están as dunas na Galiza?

En total, na Galiza cóntanse até 71 sistemas dunares repartidos polas costas galegas. Nas Rías Baixas é onde hai unha maior acumulación de dunas nas costas; de feito, aquí atópanse os dous concellos con maior número de dunas, Cangas (O Morrazo) e Porto do Son (Noia), ambos os dous con cinco dunas costeiras cada un.

Na Costa da Morte e a Costa Ártabra tamén hai unha presenza significativa das dunas. No norte, as comarcas da Mariña tamén contan con dunas, que están especialmente concentradas nos concellos do Vicedo e Viveiro.

As dunas galegas mostran diferentes formas e tamaños, desde pequenas dunas incipientes até os grandes complexos sedimentarios, como é o caso do Trece (Terra de Soneira) e Corrubedo.

Nun nivel xeral, as dunas galegas atopan distintas tipoloxías: as dunas embrionarias ou incipientes, colas de area, dunas piramidais, dunas parabólicas, etc... Un caso único dentro da Galiza é a duna transversal de Corrubedo.

Algúns exemplos da evolución das dunas galegas

O Trece (Terra de Soneira)

Na praia do concello de Camariñas O Trece, a perda da duna obsérvase nitidamente nestes máis de sesenta anos. A zona que máis sufriu esta perda sería o sector oeste.

San Román (A Mariña)

No caso de San Román, a duna perdeu anchura especialmente no sector Leste. Destaca tamén o contraste dos usos do solo nos arredores, para o ano 1956 todo era campo, mentres que na actualidade hai numerosas edificacións e mesmo pasarelas de acceso á praia.

Carnota (Muros)

A praia de Carnota reduciu tamén a súa duna, mais neste caso particular, hai que ter en conta a presenza das marismas interiores situadas no sector norte.

As dunas de Corrubedo (Barbanza)

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán forma un dos seis parques naturais da Galiza, e foi o segundo en ser recoñecido como tal no ano 1992. Como parque natural, a súa conservación merece unha atención preferente. Abarca 996 hectáreas, sendo así o quinto en extensión dos parques galegos.

Nesas menos de mil hectáreas, posúe a duna móvil máis grande do noroeste peninsular, cun quilómetro de lonxitude, arredor de 300-400 m de ancho e aproximadamente 18 m de altura. A orixe xeolóxica deste parque natural formouse hai 12.000 ou 15.000 anos. A maiores, foi incluído no ano 1993 na lista do Convenio Ramsar sobre Humidais de Importancia Internacional.

En Corrubedo as dunas son de tipo transversal. As características deste tipo de dunas son a súa orientación perpendicular respecto á dirección predominante do vento, no presente caso orientada de NE a SO. Estas dunas, mostran unha pendente suave no lado exposto ao vento e unha abrupta a sotavento.

Dada a xeografía da costa galega, esta representa a entrada das borrascas atlánticas na península, xa que polo xeral estas adoitan entrar polo norte. Isto implica que as praias están expostas a grandes refachos de vento e ondas con forzas considerábeis. Estes condicionantes climatolóxicos teñen repercusións nas dunas.

Pese a que en todo litoral galego son abundantes os ambientes con condicións climáticas, de orientación, ou dispoñibilidade de sedimentos similares aos de Corrubedo, porén, o interese da duna reside nas súas dimensións, xa que en ningún outro espazo do litoral galego se forman acumulacións similares en tamaño. En opinión dalgúns autores, isto podería deberse a que no momento da orixe da duna existira un obstáculo de tipo orográfico, como un acantilado, a partir do cal se iniciara a acumulación areosa.

A evolución das dunas de Corrubedo

A evolución dunar é obxecto de estudo desde o ano 1998 até a actualidade. Neste período o feito máis salientábel produciuse no ano 2000 coa construción dunha pasarela enriba da duna para facilitar o acceso a praia, o que afectou o estado da duna, xa que fomentou entre os visitantes a utilización desta como un tobogán. Para o ano 2000 a altura máxima da duna alcanzaba os 20,1 metros, e no ano 2006 xa se advertiu unha rebaixa considerábel dado que en ningún punto chegaba aos 20 m.

Esta pasarela eliminouse no ano 2006, e grazas a iso a duna puido recuperar parcialmente o estado de comezos de século. A continuación móstranse a primeira foto aérea do parque natural de Corrubedo e a última, para así observar a súa evolución.

As fotos evidencian unha redución significativa da duna neste longo período de tempo. Se ben no norte do parque natural, na actualidade, aínda se conserva boa parte da duna, no centro, e especialmente no sur, a súa perda é notábel.

O estudo de Augusto Pérez Alberti e Marina Vázquez Paz do ano 2011 sobre esta evolución concorda en que as dunas foron sometidas a “usos totalmente inadecuados, o que derivou na destrución parcial de moitos lugares, cando non a súa desaparición total”.

Atribúen estes fenómenos ás “áreas dun forte impacto turístico”. Neste mesmo estudo conclúen que os mellores sistemas dunares son aqueles emprazados nos lugares onde a actividade turística é menor, e resaltan positivamente “aquelas áreas menos accesíbeis da Costa da Morte”.