Cantarlle as corenta ao patriarcado, un golpe na mesa a prol da igualdade na prensa

A campaña #IgualdadeDePrensa do Colexio de Xornalistas reivindica os dereitos das mulleres profesionais

“Agora pensabas que afrouxaba, agora é cando vou apretar. Agora pensabas que apousaba, e agora é cando vou apalpar”. Así cantaban Os Diplomáticos de Monte Alto no seu tema ‘Tres de trunfos’ (Kömunikandø, 2003) unha partida de cartas que ben podia definir tamén a bravura e forza das xornalistas galegas.

 

Desde Margarita Ledo –primeira decana da facultade de Xornalismo– ata María Obelleiro e Carmen Merelas –directora respectivamente de Sermos Galiza e La Opinión A Coruña–, pasando por bolseiras, autónomas ou xornalistas en seccións hipermasculinizadas, un grupo de mulleres profesionais demandan #IgualdadeDePrensa na campaña deseñada polo Colexio Xornalistas de Galicia para este día 8 de Marzo.

 

Reivindicar a propia voz

 

Segundo explican nun comunicado público, a idea nace dun grupo de mulleres “que saíron arrastrando co as de espadas da palabra, e que puxeron no centro do tapete conceptos como brecha salarial, corresponsabilidade, teito de cristal, dobre xornada, discriminación ou estereotipos”.

 

Unha das principais motivacións non é só unha denuncia ao sector, “por todos os trofeos e loureiros que levan os xefes ou os recoñecementos que obteñen os compañeiros e que silencian moitas veces o traballo invisible de mulleres”. Hai tamén, pola contra, unha vontade de “brindar polo compañeirismo, polo mérito, e pola igualdade de trato, e para desexar que remate dunha vez o parternalismo, a condescendencia e a discriminación”.

A penalización da maternidade, a idealización da “raíña do fogar” ou da “súper mamá”, as violencias diarias, a cultura machista ou os roles sexistas son varios dos problemas sinalados polo colectivo. “Cómpren as gafas de ver da formación, que aínda escasea en xornais, emisoras e cadeas de televisión”, conclúen.

 

A iniciativa queda aberta á participación de todas as que queiran sumarse ao hashtag. Por agora, entre as xornalistas participantes cóntanse María Bragado, Loreto Costa –xornalista deportiva–, Ana Expósito –a xornalista de medios galegos con máis experiencia na cobertura de conflitos internacionais–, Lara Graña –xornalista económica–, Cristina Huete, Margarita Ledo Andión, Diana López Varela, Carmen Merelas –directora de La Opinión A Coruña–, Mercedes Moralejo, Tareixa Navaza –o primeiro rostro que nos narrou noticias en galego por televisión-, ou Ana Expósito–, María Obelleiro –directora do semanario Sermos Galiza–, María Pardo, Ana Pardo de Vera –directora de Público–, Aida Pena, Valeria Pereiras Reza –coordinadora da revista Luzes–, María Xosé Porteiro, Belén Puñal, Marta Rodríguez, Fernanda Tabarés, Marta Veiga, Andrea Villa e María Yáñez.