Pablo Freire:"Os cans son os animais ideais para ensinarnos como se solucionan os conflitos entre grupos"

Unha das saídas da asociación "Só lles falta falar".

O Clube de cans de familia "Só lles falta falar" nace no ano 2008 coa finalidade de fomentar a tenza responsábel de cans e a súa plena integración na sociedade. Con este obxectivo organiza actividades como roteiros por diferentes lugares, charlas formativas ou visitas aos centros nos que os cans desenvolven unha función de soporte terapéutico. Pablo Freire, un dos seus membros, convive con Noa, unha cadela Golden Retriever, e Aldo, un can Pastor do Cáucaso. Destes dous animais aprendeu leccións de vida aptas para todo o mundo.  

A sociedade galega está adaptada á vida do can como acompañante?

O certo é que, cada vez máis, vese o can como un membro da familia, mais por descoñecemento da xente de como funciona este animal pode ocorrer que, ás veces, pase por ser un boneco que ten vida. A maioría da xente non entende como actúa  un cánido. Unha vez que te metes nas cidades, na masificación, aparecen os problemas de convivencia, de falta educación ou da propia responsabilidade por parte de donas e donos. Nós entendemos os cans como un membro máis da familia e tentamos axudar a xente a entender que é realmente un can: o predador máis eficaz do planeta Terra que ten a súa maneira de funcionar e non pensa como un ser humano.  

Para a maioría das socias e socios de “Só lles falta falar”, o seu can é tan importante como calquera outro membro da súa familia.  

Cal é a razón pola que hai tanto descoñecemento ao redor dos cans?

A xente ten un can e non sabe nin como funcionan nin como comunicarse con el. Por este motivo cando un can fai algo, calquera cousa, trabar a roupa ou unha zapatilla ou calquera outra conduta, interprétase como nos parece nese momento. Mesmo lle atribuímos características humanas a ese comportamento. En realidade cada caso ten unha explicación. No pasado, na vida rural, cando se lle daba un uso a cada can, a propietaria ou propietario entendía mellor o animal. Poñamos por caso unha pastora ou pastor, que convive no campo co seu can e co seu gando. A comunicación entre eles é bastante plena.

Mudou a situación nas dificultades para ter cans?

Até hai uns anos era moi difícil moverte co teu can por aí. Agora é máis fácil. Non estabamos á altura doutros países europeos onde podes ir co teu animal a unha cafetaría. Aquí pasamos de estar co can no campo a telo de súpeto atado cunha correa na casa cando apareceron os coches. Iso está a mudar grazas á Lei de benestar e protección animal, que non permite certos tratos. A sociedade tamén se adaptou. Decatouse de que non pasa nada porque a xente se mova cun can pola rúa ou que vaia a un hotel ou unha ferraxaría. Cada vez é máis habitual.  

Os cans poden ser “terapeutas”? 

O can como animal de soporte terapéutico ten moita calidades. Nós na asociación traballamos con entidades como Aspanaes ou Down Compostela e facemos visitas escolares para fomentar a educación e a tenza responsábel dos cans como soporte terapéutico, vémolo todos os días en nenas, nenos ou en maiores. Non fai falta que se adestre ou se prepare o can moitas veces para un certo fin de soporte terapéutico, senón que en si mesmo o feito de telo xa fai ese soporte terapéutico. Como un can non xulga, facilita moito que se poidan facer traballos con el.  

Cal é a achega máis importante que lle fixeron os cans na súa vida?

O feito de convivir con outra especie ábreche a mente. Esa maneira de comunicarse que teñen os cans e que vas aprendendo. Non empregan a violencia máis que no seu límite necesario. Non exercen máis presión da precisa en cada situación. Apréndese moito. Os problemas arránxanse sen forza. Aínda que aos humanos nos pareza que os cans se comportan mal cando ladran ou queren controlar outro conxénere, son os animais ideais para ensinarnos como se solucionan os conflitos entre os grupos.