Cans que axudan a ler ás crianzas

Nora e Dana foron as protagonistas da actividade coas crianzas de Cullererdo (Foto: Nós Diario).
Culleredo acolleu un proxecto piloto no que escolares con algún tipo de déficit na dicción, comprensión lectora e problemas de autoestima recibiron axuda de Nora e Dana, unha can Golden e unha Boxer.

O Concello de Culleredo vén de acoller un programa piloto que se desenvolveu nos centros escolares de Culleredo CEIP Tarrío e CEIP Vila de Rutis, a través do cal 20 nenos e nenas con algún tipo de déficit na dicción, comprensión lectora e problemas de autoestima traballaron man a man con Nora, unha Golden de oito anos, e Dana, unha bóxer de cinco anos.

Nun contexto normal, as sesións tiñan unha duración de vinte minutos, e tiñan lugar unha vez á semana e de modo presencial. Os cans sentaban á beira da menor para escoitar e reaccionar aos seus estímulos. Ademais, as pequenas lían un libro e interactuaban co animal, o que repercutía positivamente na súa motivación e na promoción das súas habilidades lectoras e de comprensión, ademais do aumento na relación social cos seus iguais, segundo informaron fontes da organización. 

Elixíronse cans de terapia "porque son moi tranquilos e son capaces de estar todo o tempo deitados e pendentes da actividade das nenas". Todos os cans deste programa pasan un exame cada dous anos para valorar que teñen unha tolerancia alta á tensión e así seguir traballando. Tamén se valora o vínculo que lle une á seu guía, neste caso Laura González, coordinadora do programa na área da Coruña, á que acompañaba nesta ocasión Bárbara Bonachía. 

“As nenas melloran sobre todo en lecto-escritura, a nivel de comprensión lectora, aumento de vocabulario, rapidez de lectura e sobre todo o que notamos é un aumento do autoestima. Son nenas que están a perder a seguridade en si mesmas, ben porque teñen algunha dificultade que outras non teñen. Isto supón un empuxón, xa que non hai risos, non hai xuízos e todo é en positivo. Reláxanse e empezan a ler cunha maior fluidez", comenta Laura. 

A concelleira de Educación de Culleredo, Jéssica Méndez, apuntou que "quixemos contar con este programa en Culleredo porque funcionou moi ben noutros municipios e en máis de 500 centros de todo o Mundo. É unha maneira moi bonita de traballar con nenas que o necesitan, e neste caso seguiremos fomentando que este tipo de iniciativas leven a cabo no noso municipio”, comentaba a edil. 

Pola súa banda, Beatriz López, orientadora do centro, sinalou que "participamos neste programa de lectura asistida con cans desde febreiro até maio, con 12 nenas e nenos de 3º a 6º de Primaria, unha actividade que resultou tremendamente gratificante para os e as pequenos e pequenas", argumentou. “Aos nenos e nenas deulles unha alegría inmensa velos en persoa, xa que dadas as circunstancias até agora non puidera ser posíbel", concluíu.