Alfonso Pato, director do festival

“Cans é un festival democrático”

Alfonso Pato, director do Festival de Cans

Alfonso Pato (Cans, 1969) é o director do Festival de Cans, proxecto que botou a andar hai quince anos. Nado como un xogo fonético polo seu paralelismo co que se celebra en Cannes nestas datas, Cans é un festival de curtametraxes de produción galega no que galpóns, baixos e cubertos das casas convértense en salas de proxección e onde as asistentes móvense dun lado a outro en chimpíns. Un proxecto no que a aldea participa activamente e que foxe de toda pose e artificio.

Cans 2018 comezou esta cuarta feira e concluirá o sábado.

 

-O festival fai quince anos. Como afrontades esta nova edición?

 

-Dun xeito ilusionante e con moitos aspectos novos. Cans sempre varía dun ano para outro, non é nunca o mesmo. Abrimos vías cara á nternacionalización do festival con novos encontros e coloquios, que van desde Fernando Trueba e Gracia Querejeta até Anxos Fazáns ou Roque Cameselle. Tamén inauguramos unha sección na que temos posta moita ilusión que é a categoría de Non Ficción, á que chamamos FuraCans.

 

-Que retos ten o Festival de Cans?

 

-Tratamos de seguir medrando e incorporando novas actividades sen perder a esencia do que somos, que é o noso obxectivo principal: medrar sen perder a nosa identidade, que é a de potenciar e colocar as creadoras e creadores galegos no epicentro do festival aínda que tamén veña xente de fóra aos encontros e coloquios que organizamos. Este ano veñen directores de Italia, Brasil, Portugal e Gales. Iso fai que poidamos ter un intercambio de ideas e así enriquecernos todos. 

 

-Cal é a chave do seu éxito?

 

-Visto desde dentro, talvez a clave sexa que, como nós dicimos, Cans é un festival máis que participativo, ‘comparticipativo’. Non é unha participación de sentar a ver un concerto ou un filme, senón que a xente participa no sentido de estar dentro mesmo de todo isto. Os veciños fan filmes e documentarios de forma colectiva, deixan as súas casas, prestan os seus chimpíns e axudan no que poden. A xente séntese realmente implicada. Doutro xeito, para os profesionais que veñen tamén resulta atractivo, pois é un ambiente moi singular. Cans non é un festival que potencie as zonas vip, senón que nese aspecto é democrático. Non hai zonas separadas excepto para xantar, despois, calquera persoa de relevancia e coñecida pode estar no medio do público, e este sempre é moi educado e correcto pedindo un autógrafo ou unha foto. Logramos reunir un gran público e creo que todos eses ingredientes fan que Cans xerara unha corrente de simpatía. Quizais esa sexa unha das claves de que o festival tivera certo éxito.

 

-Es natural de Cans. Como reaccionaron os veciños cando lles propuxeches a idea de montar un festival na aldea?

 

-Si, eu nacín alí e alí me enterrarán ou espallarán as miñas cinzas. Cando empezamos con isto nós tampouco tiñamos claro que ía ter a dimensión que foi collendo. Non era máis que facer unha pequena broma nunha tarde de sábado, un evento cultural nunha zona rural onde non había nada ao longo do ano. Tomar unhas cervexas e divertirnos un pouco. Cando falamos cos veciños nin eu mesmo sabía explicarlle qeé era exactamente o que iamos facer porque tampouco o tiña moi claro máis alá de que iamos proxectar en ghalpóns e que a xente ia ir dun lado a outro en chimpíns. Eles mirábanme con cara de marcianos como quen pregunta que me está propoñendo este tipo. A cousa cambiou cando viron empezar entrar polas súas casas e tomar un viño nas súas adegas a xente coñecida como eran Morris, Ernesto Chao ou Os Tonechos. Xente que viña e se convertía en fans, incluso chegaron a ter relacións ás veces cercanas con moitos veciños. Isto fíxolles ver que aquilo ía en serio e aí gañamos moita credibilidade. Sempre houbo moita colaboración e predisposición por parte da veciñanza para axudarnos co festival.

 

-Supoño que serán uns días moi esperados en Cans.

 

-Son días de moita festa e nas casas fanse comidas como se fosen as festas patronais, con moita xente e moitos invitados. Isto ás veces cáusanos un problema porque moitos dos que participaban antes na organización están indo antes a organizar as súas comidas, deixando ás veces a organización, polo que temos que coller a xente de fóra para que veña botarnos una man a tempo parcial. Pero resulta moi bonito ver os xardíns e os lugares das casas cheos de mesas corridas con xente comendo, tocando o acordeón ou cantando. Cadaquén desfruta do festival a súa maneira e ás veces con actores e directores moi coñecidos sentados ás súas mesas. Iso é a maxia única do Festival de Cans.