A canle norteamericana Bloomberg escolle Pontevedra como unha das cidades “que tivo éxito no mundo”

Miguel Anxo Fernández Lores, durante a entrevista gravada pola estadounidense Bloomberg TV. (Foto: Concello de Pontevedra)
Cuba pon os ollos no modelo urbano da cidade do Lérez co fin de achar ideas e inspiración

A canle norteamericana Bloomberg está a traballar na realización dunha reportaxe especial sobre cidades que «tiveron éxito» no mundo que habitamos. Dentro desa escolla figura a Boa Vila, na actualidade convertida en referente no mundo a través do seu modelo urbano e da transformación encabezada polo alcalde da mesma, Miguel Anxo Fernández Lores.

O xornalista e correspondente de Bloomberg no Estado español, Alonso Soto, entrevistouse esta mañá co rexedor da cidade para logo realizar un paseo conxunto polas rúas e prazas da cidade e achegarlle Pontevedra aos seus espectadores e espectadoras e lectores e lectoras na futura peza que montará

A reportaxe formará parte dun ciclo informativo que leva por título Ask a Mayor (Pregúntalle á Alcaldía), e que ten como base preguntarlle aos alcaldes e alcaldesas de diferentes cidades do mundo que fixeron e que plans levaron a cabo para que a súa vila sexa hoxe un referente internacional e posúa unha serie de elementos recoñecíbeis e sinalados.

O modelo urbano de Pontevedra, baixo o foco cubano

O alcalde de Pontevedra coa delegación cubana que visita a cidade esta semana. (Foto: Concello de Pontevedra)

Na mesma liña, Pontevedra recibiu esta semana tamén unha delegación procedente de Cuba, financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional, co obxectivo de coñecer a cidade e o seu funcionamento, así como a transformación realizada ao longo das dúas últimas décadas.

A delegación estivo composta por Bertha Verdecia Pazos, directora do Grupo de Inversións Plaza Vieja – Oficina do Historiador da Cidade da Habana (OHCH); Saidi Milena Boza Alpízar, xefa de departamento de deseño da Empresa Filiar Restaura da OHCH; Raúl Gortazar Fernández, xefe de departamento de Arquitectura, Enxeñaría e Urbanismo da Empresa Filiar Restaura da OHCH; e Carlos Daniel Ramírez Díaz, Especialista Financeiro da Dirección de Cooperación Internacional da OHCH.

O alcalde deulle a benvida ao grupo e comentoulle algúns aspectos iniciais do modelo, para logo quedar en mans do director xera da Área de Urbanismo e Servizos Xerais, Xosé Manuel Tato, que lles explicou aos visitantes os diferentes elementos ou aspectos destacados da transformación, pondo o foco nas políticas de socialización dos espazos públicos e no acceso ao casco histórico de todos os usuarios e usuarias (habitantes, proveedores, visitantes, etc.).