Cando só gaña o negocio da sanidade privada

[Imaxe: GZFoto] Manifestación en defensa da sanidade pública de febreiro de 2018

A plataforma SOS Sanidade Pública convoca este domingo unha manifestación contra os recortes executados polo Goberno Feixoo nos últimos anos e que teñen como consecuencia un “deterioro evidente” na calidade asistencial das e dos doentes galegos. Son os efectos da redución orzamentaria, cifrada en 2.200 millóns desde que o Partido Popular recuperou o Goberno da Xunta. Eis un extracto da reportaxe que publicamos ao respecto no número 333 de Sermos Galiza.

Xa non pode o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, culpar os sindicatos ou os partidos políticos da oposición de provocar alarmismo sobre a situación do sistema sanitario galego. Hoxe, e logo de moitos meses de mobilizacións, son xa poucas persoas as que poñen en dúbida o deterioro da atención médica no país, unha realidade que ten no devalo orzamentario o seu principal motivo: desde que o Partido Popular recuperou o Goberno galego, as partidas destinadas ao Sergas reducíronse en perto de 2.200 millóns; neste 2019, o orzamento sanitario en Galiza é 188 millóns menos que o ano pasado.

 

A caída dos orzamentos non pode supor, por pura lóxica, unha mellor atención. As e os profesionais do sector veñen advertíndoo desde hai tempo. Xa non serve, polo tanto, a acusación de que “hai quen politiza a sanidade”. Así, tamén os Consellos Oficiais de Médicos alertan da “deterioración progresiva e continuada da Atención Primaria” e da “ausencia de solucións por parte dos diferentes poderes políticos a nivel autonómico e estatal, que ocasionou graves prexuízos aos doentes e profesionais, especialmente aos médicos”.

 

Esta política de recortes e precariedade arrastra desde hai anos unha permanente contestación na rúa. Para este domingo, a plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación en Santiago de Compostela que partirá ás 12 horas da Alameda. O seu portavoz, Manuel Martín, apunta que esta protesta “é a culminación dun proceso de mobilizacións sociais e profesionais, que se viñeron realizando en toda Galiza contra as políticas de recortes, desmantelamento e privatizacións da sanidade pública perpetradas polo Goberno de Feixoo: concentracións contra a supresión de prazas de pediatría (que obriga as nais e pais con crianzas enfermas a se desprazaren lonxe das súas localidades para recibir asistencia); a folga do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) contra a precariedade laboral e a falla de recursos que limitan o seu funcionamento e poñen en risco a saúde da poboación; a dimisión de 80% das xefas e xefes de Servizo de Atención Primaria de Vigo; as concentracións do persoal da gran parte dos centros de saúde en protesta pola marxinación e falla de recursos ou o rexeitamento das novas e novos profesionais ao contrato de escravitude aprobado pola Consellaría para rematar coa inestabilidade”. Critica Martín que a Xunta “sexa incapaz de aceptar calquera crítica” e de lle pór remedio a esta situación.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]