Sermos228

Cando a saúde vira mercadoría

Baixo o eufemismo das externalizacións agóchanse millóns de euros destinados á privatización, un negocio que lastra a sanidade pública galega. Por algo o noso país é un dos territorios do Estado que máis privatización soporta neste ámbito. Deixamos un extracto da reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 228 e no que explicamos que o 2017 enceta, a nivel sanitario, con máis recortes e maior lucro para as grandes empresas.

O estado de saúde da sanidade pública galega vai a peor debido aos recortes e ás recorrentes privatizacións aos que vén sendo sometida nas dúas últimas lexislaturas. De feito, Galiza xa é o cuarto territorio do Estado español coa sanidade máis privatizada. Os orzamentos que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo preparou para 2017 non van encamiñados a curar as eivas da sanidade pública. Todo o contrario. Porfían en manter o gorentoso negocio para grandes empresas, na precariedade laboral do persoal sanitario e na insuficiencia de infraestruturas e prestacións nun servizo básico para o conxunto do pobo.

A Consellaría de Sanidade presume de que as contas están estruturadas arredor de catro eixos: “unha atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores; uns profesionais comprometidos e coidados pola organización; unha xestión eficiente que contribúe á sustentabilidade do sistema sanitario; e a adecuación das infraestruturas, dos equipamentos sanitarios e dos sistemas de información ás necesidades de pacientes e cidadanía”.

Visión antagónica teñen a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública e as forzas parlamentares da oposición. Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública, asegura, en declaracións a Sermos Galiza, que perto da metade do gasto sanitario –o orzamento de 2017 ascende a 3.600 millóns de euros–, está en mans de empresas privadas, “existe unha descapitalización brutal que suporía unha dificultade enorme no caso de que un Goberno alternativo ao do PP queira recuperar a xestión pública da sanidade. Habería que facer un esforzo económico e xudicial importante”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 228, á venda nos quiosques e na loxa]