“Cando poderei deixar atrás esta dor?”: A carta que unha doente que leva ano e medio de espera por unha operación envía a Rueda e Comesaña

García Comesaña e Rueda (Foto: Xunta da Galiza)

María del Carmen R.V leva máis de ano e medio sen poder moverse e con moita dor a resultas dunha operación na privada á que foi derivada polo Sergas. Precisa unha nova intervención que desde Sanidade non lle dan asignado. 

María del Carmen R.V vén de remitir unha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e aos responsábeis do Sergas.

A súa filla, Susana, puxo en coñecemento deste medio a carta, na que a súa nai explica a situación que padeec desde hai meses de dor e inmobilidade, consecuencia dunha intervención nun centro privado ao que foi derivada polo Sergas.

“A recuperación posterior a esa intervención foi moi dolorosa e nunca cheguei a recuperar a mobilidade nin deixei de ter dor. Consultado de novo con traumatoloxía indican que preciso nova intervención para recolocación da prótese, dado que, por algún motivo que descoñezo, a prótese non está na situación que debería estar tras a operación”, sinala.

Prosegue sinalando que “o 28 de marzo de 2023 fun incluída na lista de agarda de traumatoloxía para nova intervención de prótese de xeonllo. Mais a día de hoxe, cando xa pasou máis dun ano e medio desde a intervención inicial sen recuperar a mobilidade e sufrindo dor constante, pasaron máis de 10 meses desde a miña inclusión na lista de espera para a reparación da prótese, sen que ata agora teña noticias de cando se programará a intervención e cando poderei deixar atrás esta dor e poderei comezar a moverme”.

Afirma que a situación de inmobilidade impediulle asistir á manifestación deste domingo en Compostela en defensa da sanidade pública. “Escoitei o señor falar da mellor Sanidade Pública posíbel. Resulta bastante incríbel que aínda se siga alimentando ese conto. A non ser que o señor Rueda e o señor Conselleiro de Sanidade crean as súas propias mentiras”.

Por último, sinala na misiva que “está aí o día 18, o día en que as galegas e os galegos elixiremos un novo Goberno. E eu agardo que as galegas e galegos que padecen esta Sanidade Pública desmantelada abran os ollos e opten por outras opcións políticas que non sexan a súa, que nos está deixando un país aniquilado. Espero que así sexa, por min, e pola miña familia. E por toda a xente que o merece e o necesita”.

Aquí a carta na íntegra remitida ao presidente da Xunta, ao conselleiro de Sanidade e á dirección do Sergas:

María del Carmen R.V,

EXPÓN:

Estamos no medio dunha campaña electoral. E xa lle teño escoitado falar a varias persoas candidatas sobre a situación da Sanidade Pública. Coincido con algunhas delas, porque o vivo en carne propia, cando afirman que a Sanidade Pública está sendo desmantelada e privatizada a marchas forzadas polo Partido Popular. E escoitei o señor Rueda negalo e falar da mellor Sanidade Pública posíbel. Resulta bastante incríbel que inda se siga alimentando ese conto. A non ser que o señor Rueda e o señor Conselleiro de Sanidade crean as súas propias mentiras.

No mes de xullo de 2022 fun sometida a unha intervención para a colocación dunha prótese de xeonllo no centro médico privado Cosaga derivada como paciente do Servizo Público galego de sanidade, Sergas.

A recuperación posterior a esa intervención foi moi dolorosa e nunca cheguei a recuperar a mobilidade nin deixei de ter dor. Consultado de novo con traumatoloxía indican que preciso nova intervención para recolocación da prótese, dado que, por algún motivo que descoñezo, a prótese non está na situación que debería estar tras a operación.

O 28 de marzo do pasado ano 2023 fun incluída na lista de agarda de traumatoloxía para nova intervención de prótese de xeonllo. Mais a día de hoxe, cando xa pasou máis dun ano e medio desde a intervención inicial sen recuperar a mobilidade e sufrindo dor constante, pasaron máis de 10 meses desde a miña inclusión na lista de espera para a reparación da prótese, sen que ata agora teña noticias de cando se programará a intervención e cando poderei deixar atrás esta dor e poderei comezar a moverme e dispoñer dalgo de autonomía que agora mesmo non teño. Porque, ademais, agora o outro xeonllo resíntese ao ter que facer o traballo de dous, e xa son moitos os momentos en que non podo manterme en pé, nin camiñar.

Onte houbo unha grande manifestación en Santiago en defensa da Sanidade Pública. Unha grande manifestación na que participou moitísima xente que está farta das súas mentiras e de ver como non poden acceder a unha Sanidade Pública que lles garanta unha atención sanitaria digna. Igual ca min. Mais eu non puiden ir á manifestación, dados os problemas de mobilidade que, grazas á súa boa xestión, seguen sen poder solucionarse. Coma min, cónstame que moita máis xente quería participar nesa mobilización e non puido por causa da súa saúde. Esa saúde que ven mermada porque o goberno da Xunta que vostedes ostentan non dá solución á grave situación da Sanidade Pública, e o que é máis, porque se empeñan en desmantelala e desfacela. Xa sabemos que o fan con toda a idea. Para que sexan as súas amizades das grandes empresas da sanidade quen saque lucro coa nosa saúde.

Pero está aí o día 18, o día en que as galegas e os galegos elixiremos un novo goberno. E eu agardo que as galegas e galegos que padecen esta Sanidade Pública desmantelada abran os ollos e opten por outras opcións políticas que non sexan a súa, que nos está deixando un país aniquilado. Espero que así sexa, por min, e pola miña familia. E por toda a xente que o merece e o necesita.

En todo caso, aquí sigo, máis de dez meses despois, agardando a que me chamen para ser operada. E non só non baixa a miña situación na lista de espera, senón que inda sobe. Pois nada, cando teñan a ben, lémbrense, se queren, desta pobre usuaria da Sanidade Pública que leva máis de ano e medio sen poder moverse e con moita dor.

SOLICITA:

Que se me chame para ser intervida á maior brevidade posíbel.

En Ourense, 5 de febreiro de 2024