Máis Perseidas serán visíbeis na Galiza este mes. Cando se poderán ver?

As Perseidas vistas desde o concello de Cervantes (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A choiva das Perseidas é unha choiva de meteoros que acontece todos os anos nestas alturas do ano.

[Por causa de información errónea recibida por este e outros medios de comunicación eliminamos a información sobre unha eclipse]

As Perseidas, -que alcanzaron o seu máximo esplendor na noite do pasado sábado ao domingo- aínda se poden contemplar até a próxima semana. Como detallan desde o Observatorio Astronómico Nacional (OAN), dependente do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a choiva das Perseidas é unha choiva de meteoros que acontece todos os anos ao redor do 12 de agosto.

As Perseidas son visíbeis desde todo o hemisferio norte en pleno verán. As velocidades destes meteoros poden superar os 50 quilómetros por segundo e a súa taxa de actividade pode chegar aos 200 meteoros por hora. O seu momento de máxima actividade ten lugar nas noites do 11 ao 13 de agosto, aínda que comezan habitualmente a verse ao redor do 17 de xullo e terminan cara ao 24 de agosto.

Sobre a orixe deste fenómeno, a institución detalla que os cometas, segundo describen as súas órbitas ao redor do Sol, van lanzando ao espazo un regueiro de gases, po e entullos (materiais rochosos) que permanece nunha órbita moi similar á do cometa proxenitor.

Así, cada cometa vai formando un anel no cal se atopan distribuídos numerosos fragmentos. Cando a Terra, no seu movemento ao redor do Sol, atopa un destes aneis, algúns destes fragmentos rochosos ('meteoroides') son atrapados polo seu campo gravitatorio e caen a gran velocidade a través da atmosfera, o que forma unha choiva de meteoros.

Deste modo, a fricción cos gases atmosféricos calcinan e vaporizan os meteoros que aparecen brillantes durante unha fracción de segundo, o que conforma o que popularmente se denomina como ‘estrelas fugaces’. O OAN aclara que non se trata por tanto dunha estrela, senón dunha partícula de po incandescente.

Como velas

Para ver este fenómeno, requírese un lugar de observación afastado da contaminación lumínica, con poucos obstáculos para a vista (como edificios, árbores ou montañas). Ademais, aínda que as Perseidas parecen vir da constelación de Perseo (de aí o seu nome), pódense ver desde calquera parte do ceo polo que os expertos suxiren dirixir a mirada cara ás zonas máis escuras. Poden observarse a primeira ollada fóra de núcleos urbanos.