Cando se poderá viaxar cos trens Avril? Comeza a venda de billetes

Tren Avril de Talgo (Foto: Talgo).
Esta quinta feira saen á venda os billetes dos trens Avril que conecta a Galiza e Madrid, tal e como confirmou o ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente.

Esta quinta feira saen á venda os billetes dos trens Avril que conecta a Galiza e Madrid, tal e como confirmou o ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, a semana pasada.

Facíao no acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza, que decorreu este sábado no parque de Santo Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, onde se atopa o Panteón de Galegos e Galegas Ilustres.

Alí, en declaracións aos medios, o ministro socialista tamén lembrou que estes trens estarán operativos o 21 de maio e que a oferta de prazas para a Galiza pasará "de 800.000 a máis de dous millóns".

"O máis importante é que imos duplicar a oferta para a Galiza", reivindicou o ministro de transporte antes de sinalar que no ano 2018 os tempos para viaxar en tren entre Madrid e a Galiza "eran o dobre".

Corredor Atlántico

Preguntado sobre o Plan do Corredor Atlántico, o membro do Executivo do Estado español avanzou que comprometeu a Alfonso Rueda unha reunión co comisionado "de inmediato".

Neste sentido, Puente asegurou que o Goberno estatal "acelerou" as licitacións, polo que agora o Corredor Atlántico atópase "case á vez" en fondos licitados coa infraestrutura do Mediterráneo.

"De maneira que ese gap que había no volume e ritmo de execución entre os dous corredores estamos a enxugalo e imos impulsar de maneira moi importante o Corredor Atlántico para que canto antes teñamos esta infraestrutura completada, que é unha infraestrutura vital para o Estado e tamén para a súa conexión co resto de Europa", aseverou.