O debate sobre os incendios

"Cando pensan aprobar o PLADIGA, antes ou despois dos incendios?"

Xosé Luís Rivas "Mini", parlamentar do BNG

O BNG denunciou esta quinta feira no Parlamento que a Xunta aínda non ten aprobado o PLADIGA (o Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) e que descarga nos concellos a responsabilidade sobre a limpeza das franxas de protección dos núcleos rurais. Por súa parte, Feijóo di que "nunca" se pode desbotar un incendio na Galiza como o do Pedrógão Grande.

En 2015 a Xunta apresentou o PLADIGA a 5 de xuño. En 2016 aprobouno a 30 de maio. En 2017, con previsións meteorolóxicas inquietantes, aínda non o ten listo para o facer público.

 

"Cando o van aprobar, antes ou despois dos incendios?", perguntou esta quinta feira o parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas Mini ao grupo do PP durante unha sesión da comisión de Agricultura.

 

Mini criticou con dureza as recentes declaracións do director xeral de Montes en virtude das cais na Galiza sería "moi difícil" que se producise un incendio como o de Pedrógão Grande sempre é cando se cumpra a lei. Considerou esas declaracións -que esta quinta feira foron referendas polo propio Feijóo- como inauditas, adxectivo que tamén aplicou ao intento da Xunta de responsabilizar os concellos das tarefas de limpeza das franxas de protección dos núcleos rurais.

 

"Vanlles cobrar aos cidadáns cando lles arda unha tenza de monte, vanlles cobrar a extinción?, porque iso foi o que dixo o director xeral de Montes [Tomás Fernández Couto]. E o PLADIGA, cando sae, despois dos incendios ou antes?", perguntou esta quinta feira o parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas Mini ao grupo do PP durante unha sesión da comisión de Agricultura. "Discúteno todo [o PLADIGA] en cinco minutos e toman uns viños. Coa que está caendo e sen aprobar! E está sen debater. Veña, home, señores, sexan serios, sexan serios e non só para os negocios", ironizou o parlamentar nacionalista.

 

"Discúteno todo [o PLADIGA] en cinco minutos e toman uns viños. Coa que está caendo e sen aprobar! E está sen debater. Veña, home, señores, sexan serios, sexan serios e non só para os negocios"

 

E a respeito do desvío das responsabilidades sobre a limpeza dos montes aos concellos, o deputado retrucou: "Díganllo, por exemplo, ao concello de Boimorto que non ten nin policía municipal, que fai, sae o alcalde a recorrer o territorio e a denuncialo? Non é función local senón da conselleira, porque estamos a falar de millares de núcleos que non teñen a franxa de seguridade, pídolles que usen o sentido común", instou o deputado do BNG o grupo parlamentar do PP.

 

Feijóo descarga responsabilidades en concellos e deputacións

 

Por súa parte, o presidente da Xunta, na conferencia de imprensa após o consello de goberno de todas as quintas feiras, demandou a "concellos e deputacións" o cumprimento da lei no que atinxe á limpeza das franxas e ao respeito da distancia de seguranza entre os terrenos forestais e as casas.

 

Esa distancia de seguranza foi recortada polo actual goberno cando modificou a Lei de Montes en 2012. En 2017, e por iniciativa do nacionalista Alfredo Suárez Canal (BNG), situouse o límite de seguranza en 50 metros. En 2012, e embora ter Galiza sofrido unha intensa vaga de incendios no verán de 2011, esa distancia foi rebaixada ao se situar en apenas 30 metros.

 

En todo caso, Feijóo remarcou que nunca se pode desbotar que unha "fatalidade" resulte no surximento dun incendio na Galiza das proporcións do de Pedrógão Grande, embora ao mesmo tempo mostrou a súa confianza nos meios dos que dispón o país para axir fronte a unha eventualidade dese tipo.

 

O chefe do executivo galego dixo, por outra banda, que Galiza dispón dun protocolo que permitiría, por exemplo, encerrar estradas ao tráfego con celeridade (en Portugal a maior parte das vítimas morreron atrapadas nos seus carros mentres tentaban fuxir do fogo).