Cando o feminismo tomou a palabra

[Imaxe: CCG]

Unha colección da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega recolle as revistas de corte feminista editadas en galego ao longo de 30 anos. Sermos Galiza percorre estas publicacións pioneiras.

A hemeroteca dixital A Saia toma o seu nome da primeira publicación que, en 1982, foi publicada en galego por un colectivo feminista independente. Este proxecto do Consello da Cultura Galega pon a disposición do público unha documentación do feminismo da Galiza de finais do século pasado.

 

Non se trata só do propio contido e forma das revistas, senón do contexto ao que van ligadas. Cando Galiza aínda vivía os últimos latexos do franquismo, cando a promesa dunha transición alentaba a cidadanía ou cando internet empezaba a soar a algo máis que a ciencia ficción, as mulleres plasmaban nestas publicacións as súas vivencias, desexos e medos. Ademais, documéntanse tamén as accións e debates xerados no movemento feminista ao longo do tempo.

 

Orixe e importancia da colección

 

Mariam Mariño é documentalista, investigadora e técnica da Comisión de Igualdade do CCG desde 2005. Xa nese ano iniciou o Proxecto de recuperación e memoria do movemento feminista organizado de Galiza. Coordinou a compilación e dixitalización das obras reunidas nesta hemeroteca en colaboración con Helena González, investigadora galega directora do ADHUC da Universitat de Barcelona.

 

“Esta colección comeza en 2011, tras varios procesos de doazón, en conversas con Helena González, ao vermos a importancia e posibilidade de que se levase a cabo este traballo” conta Mariño a Sermos Galiza. Desde o Consello da Cultura Galega cualifican o valor desta antoloxía de “indubidábel”, non unicamente para a propia historia do movemento feminista, “bastante singular na Galiza”, senón para o conxunto da realidade social, histórica e cultural galega.

 

“As revistas permiten recuperar cuestións concretas de mulleres, si. Mais tamén problemas reais de cada un dos momentos históricos de cada unha delas. Hai que lelas como unha memoria social”. Alude así Mariño á importancia do contexto histórico destas revistas, as que, insiste, hai que liberar da carga de “cousas de mulleres”.

 

Explica Mariam Mariño que, olladas na súa total amplitude, “están fornecendo información non unicamente relativa a iso que chaman cousas de mulleres, senón que tamén falan de loitas sociais e momentos culturais relevantes”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]