“Cando escribo este testemuño levo un total de 305 días sen obter un tratamento para a miña doenza por parte do Sergas”

Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)

A Asociación de Pacientes e Doentes do CHUS denuncian o “inferno”, dunha paciente “sometida a un tratamento psiquiátrico que non precisaba” e que “para acadar un diagnóstico correcto, viuse obrigada a buscar asistencia na medicina privada”.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS deu a coñecer esta terza feira o que cualifica como “violación sucesiva e reiterada de dereitos” da paciente M.M.O.L, diagnosticada provisionalmente de divertículo uretral.

A propia paciente, nun escrito, comenta en primeira persoa o seu periplo por estes dez meses:

“Son M.M.O.L. paciente diagnosticada provisionalmente en espera de ser intervida cirurxicamente por posible divertículo uretral, segundo informe de 24 de maio de 2021 do servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Ata acadar este diagnóstico, vinme abocada a un percorrido doloroso e incapacitante no que se vulneraron os meus dereitos como paciente e me obrigaron a recorrer á sanidade privada por causa dun diagnóstico erróneo e precipitado.

O día 9 de decembro de 2020 empezoume unha dor moi forte na zona xenital. Chamei ao centro de saúde Concepción Arenal de Compostela e, dado que non tiña cita ata transcorridos  catro dias, fun a unha xinecóloga privada.  A doutora que me atendeu díxome que tiña unha contractura na zona perianal e remitiume á fisioterapeuta de solo pélvico, recomendándome descanso e medicación durante 10 dias. 

“O relato dos feitos son demoledores”, segundo este colectivo

Posteriormente, chamo á doutora de atención primaria para que me derive á fisioterapeuta e coller a baixa, xa que teño unha dor insoportable. Dime que non hai especialista no CHUS en solo pélvico e que pode ser que se agarroten os músculos polo sistema nervioso. Derívame a saúde mental, Servizo de Psiquiatría, onde me atenden dende o 14 de xaneiro ata o 9 de xullo con medicación para a ansiedade a pesar de non sentir ningún síntoma nese sentido. Recoméndame ir a unha consulta privada (GAIAS) a unha fisioterapeuta especialista. Atendendo a esta recomendación, acudo dende decembro ata maio, polo que pago sesións semanais de rehabilitación con moito dor durante 5 meses. Como non hai melloría a fisioterapeuta recoméndame volver a xinecoloxía ou que a doutora de cabeceira valore, co informe que emite o 14/04/2021, facer as probas que correspondan. 

Como non me dan cita ata agosto (pedíndoa en abril), volvo á xinecóloga privada,  desesperada pola intensa dor. Despois de facer unha ecografía a xinecóloga ve varios quistes na zona da uretra e sospeita de absceso periuretral. Remíteme ao servizo de urxencias onde, corroboran o informe e me fan un TAC. Dispénsanme antibióticos, varios calmantes e indícanme que me avisarán telefonicamente para unha cistoscopia. No mes de xuño, ao cabo de 2 semanas, realízanme a aproba e cítanme para uroloxía. A uróloga solicita unha resonancia, xa que teñen que operarme porque non saben de que son os quistes. 

O 18 de xuño de 2021 asino o consentimento informado, polo que se me inclúe no rexistro de pacientes en espera para unha intervención cirúrxica de preferencia 2. A día de hoxe, transcorridos 125 días desde a inclusión na lista de espera, xa me realizaron as probas do preoperatorio e aínda non se me citou para a proba diagnóstica (resonancia).

Os días 17/06/2021 e 06/09/2021 presentei dúas reclamacións, expoñendo esta situación, das que me contestaron tan só a primeira. 

Levo case 1 ano de baixa con moita dor. Estiven 5 meses sen diagnosticar en especialistas que nada tiñan que ver coa miña doenza, por parte de atención primaria, e custeando eu a atención no sistema privado de saúde. Isto estame afectando moito a miña vida diaria, pola dor e pola impotencia de non poder volver á miña vida normal. Cando escribo este testemuño levo un total de 305 días sen obter un tratamento para a miña doenza por parte do SERGAS. O diagnóstico correcto a través da medicina privada e, posteriormente, dos servizos de urxencias do CHUS prodúcese cunha demora de 153 días. E agora véxome agardando 125 días para unha intervención cirúrxica que debeu realizarse nun prazo que non debería exceder de 90 e sen saber aínda cando se vai realizar ao estar pendente unha proba diagnóstica que non ten fixada cita.”

Opinión da asociación

Para esta asociación, “a paciente M.M.O.L. non só foi sometida a un tratamento psiquiátrico que non precisaba, senón que ademais se veu obrigada a ter que pagar do seu peto unha fisioterapeuta, para o tratamento do solo pélvico, porque, sorprendentemente, o CHUS non conta con especialistas nesta doenza, iso a pesar de ser unha necesidade moi común despois dos partos. Para acadar un diagnóstico correcto, viuse obrigada a buscar asistencia na medicina privada, vulnerando o seu dereito a ser tratada de acordo cos principios de non discriminación e de equidade recollidos no artigo 49 da Constitución Española de 1978”. 

Desde que se producen os primeiros síntomas en decembro de 2020 “até que a paciente acada un diagnóstico pola sanidade privada, ratificado posteriormente polo servizo de urxencias, transcorren máis de cinco meses, con vulneración, durante ese tempo, do seu dereito ao diagnóstico na sanidade pública recoñecido no artigo 7.1. da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do SNS”. 

Pero a lesión dos dereitos da paciente non remata aquí, sinalan. Unha vez que está diagnosticada e se inclúe no rexistro de pacientes en espera dunha intervención cirúrxica, con prioridade 2 (recomendábel a atención nun prazo inferior a 90 días de acordo co anexo IV. Secc. A. apartado c. da Orde do 19/15/2003), “a día de hoxe, despois de realizar o preoperatorio, e transcorridos 125 días, aínda está agardando por unha resonancia do servizo de radioloxía para a cal non ten constancia de estar incluída nunha lista de espera”.

“O relato dos feitos son demoledores”, segundo este colectivo