TAREIXA NAVAZA

"Cando comecei con Suárez había máis democracia que agora"

Tareixa Navaza [Imaxe Cultura Galega]

A xornalista rexeitou o premio da Xunta "en solidariedade" coas persoas que actualmente traballan na TVE.

Tareixa Navaza comunicou á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza o seu rexeitamento aos premios que o goberno concederá con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Fíxoo, asegurou, en calidade de xornalista de TVE e en "solidariedade" coas persoas que actualmente traballan nas canles públicas, tamén na TVG. 

"Os medios públicos atópanse nunha situación pre-democrática", sinala Navaza en conversa con Sermos Galiza. "Síntome orgullosa e feliz", di en relación ao premo mais "non podía aceptar pola situación que están a padecer, pola decadencia que está a sufrir unha televisión como a TVE que atinxira  cotas moi altas de credibilidade, bon facer e altas audiencias", acrecenta. 

Así o comunicou á propia Xunta através da axencia que organiza do acto. "Se a iso lle sumamos a Lei Mordaza ou o acontecido cos titereteiros, sería unha contradición aceptar o premio". E non o fixo. Pola súa traxectoria profesional, a xornalista galega sabe ben o que é a censura. 

"Non podía aceptar pola situación que están a padecer, pola decadencia que está a sufrir unha televisión como a TVE"

Tareixa Navaza traballou máis dunha década na TVE. "Nunca me botaron", sinala, "estiven nos corredores moito tempo ou pondo a voz a algunha das informacións que facían os meus compañeiros", afirma. Alí seguía "mais sen facer nada" após a súa retransmisión da traída dos restos de Castelao a Galiza. Un relato histórico que marcou tamén a súa vida profesional. Mais non só. "Os meus problemas comezaron" tamén coa narración das históricas mobilizacións arredor da reconversión naval. "Dixéronme, aquí ao PP e ao PSOE non se lles pode criticar" e sacárona dos informativos. "O comité de Astano díxolles 'ou colocan a Navaza no seu sitio ou queimamos o chiringuito do Obradoiro", explica. "Teño un cartafol cheo de solidariedade". 

Naquela altura, "era a única televisión que había" de maneira que "calquera cousa tiña moita repercusión". Porén, os tempos lonxe de mudar moito mesmo retrocederon. "Os profesionais teñen máis restricións agora", asegura. "No '73 loitabamos por unha televisión dignificada, na Galiza pelexamos por usar a lingua galega". 

"Non pode ser que os profesionais dependan dos gobernos, coidan que son os seus gabinetes de comunicación"

Con persoas "intelixentes" á fronte da dirección, di, "nunca tiven problemas" e neste senso subliña a figura de Manuel Lombao. "Cando chegan persoas servís" é cando comezan as trampas. 

"Non pode ser que os profesionais dependan dos gobernos, coidan que son os seus gabinetes de comunicación", sentencia. "Cando comecei con [Adolfo] Suárez había máis democracia que agora con este goberno do PP". Están a promover o "medo", di, para facer crer que "se non estás comigo és un terrorista, és ETA ou Venezuela". 

"Non podo máis", asegura, de aí que rexeitase o premio. "Levo anos sendo tan crítica coa TVE porque amo moito esta profesión", "sempre estiven para facer o meu traballo da mellor maneira posíbel, dando voz a todos os sectores do país". Mais iso, sinala, "é o que lles molesta", tamén agora.