Cando se asinou a unión homosexual máis antiga da historia da Galiza?? Na Idade Media!!

E se a Idade Media non foi unha época tan escura? E se en boa parte dela eran relativamente comúns as unións conxugais entre os homes? Na súa vídeo-columna das segundas feiras, Carlos Callón resgata un documento que testemuña a unión homosexual máis antiga non só da historia da Galiza, senón da península.

En 1993 un profesor de Yale e prestixioso historiador, John Boswell, deu ao prelo un libro que levaba á tona a realidade das unións homosexuais na Idade Media. Unións entre homes, o patriarcado e a misoxinía non toleraban as das mulleres. O  libro de Boswell Same Sex Unions in Pre-Modern Europe revelou, con dados, este fenómeno.

Entre os documentos achados por Boswell nas súas pesquisas atópase o testemuño escrito dun matrimonio, a primeira unión homosexual da que se ten constancia, non só na Galiza, senón na península. Ese vínculo entre dous homes formalizouse por escrito o 16 de Abril de 1016, en Santa María de Ordes (Rairiz de Veiga).

Sobre este asunto escrebeu no seu día o noso colaborador Carlos Callón un volume -Amigos e Sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media- e a este asunto dedica a súa vídeo-columna desta segunda feira.