O aborto, a debate na praza

Mulleres na Praza dos Ovos en 1917. Todas as imaxes van asinadas por Acçom Rabuda

Acontece cada quince días na cidade da Coruña e por iniciativa dun importante número de mulleres que teimaron en levar ás rúas as conversas sobre as distintas formas de violencia, tamén aquela que se exerce ao recortar nos seus dereitos sexuais e reprodutivos. Conversamos con elas.


Cada quince días, por volta de vinte mulleres entran pola porta dun mercado da Coruña. Horas despois, cando saen, o debate fica servido.

Na peixaria, na chacinaria, no posto das verduras, onde venden o queixo... consumidor@s e vendedor@s dedican ao aborto e aos dereitos sexuais e reprodutivos o que noutrora eran conversas sobre o tempo ou o estado de saúde da familia.

"Esa era a idea, levar o debate ás rúas, á xente que non se achega a nós porque ouvir 'feminismo' bota para atrás, ora por prexuízos ora por ignorancia", explica Marta Casal, unha das activistas que están a percorrer os mercados e as prazas da cidade herculina para coñeceren o que é que o pobo sabe a respeito dunha contra-reforma que o ministro Gallardón filtrou á imprensa mais non puxo aínda por escrito. 

As primeiras sospeitas a respeito deste retroceso anunciado nos dereitos sexuais e reprodutivos --o PP chegou ao Goberno español o 20 de Novembro de 2011-- xa levara en 2012 as feministas da Coruña a tirar proveito dos días de sol de agosto para sentaren beira mar e conversar non só sobre o aborto, senón tamén sobre as distintas formas de violencia que sofren as mulleres e sobre a Lei de Familia, redactada pola Red Madre --literalmente, a través dunha ILP-- e aprobada pola maioría do PP no Parlamento galego.

"Descoloca moito porque somos un grupo de mulleres sen dependencia nen afiliación a nengún partido político"

"Descoloca moito porque somos un grupo de mulleres sen dependencia nen afiliación a nengún partido político, que é o primeiro que queren saber de nós; a xente pensa que unha feminista é unha vangardista, unha cousa moi rara, mais despois de falaren connosco ven que non hai nada diso, que as nosas preocupacións son as mesmas que as delas --fala d@s usuari@s dun mercado de abastos-- e que podemos ter unha conversa agradábel".

Di Casal que a participación da cidadanía "é extraordinaria, mesmo de persoas que xa de entrada se declaran conservadoras e antiabortistas" e que os argumentos que a respeito do aborto manexa a xente nas rúas "vai máis aló do suposto de malformación" e, nomeadamente as mulleres, teñen claro que "estamos a ser usadas para non falar doutras cousas". 

O máis importante desta maneira de facer activismo é "recibir feedback", retroalimentación que recollen e que servirá para unha segunda tarefa: debates máis concretos centrados nas temáticas que van saíndo nestas conversas nos mercados e nas prazas. 

Conversas serias que decorren entre a raiba e a festa

"Falamos con mulleres moi maiores que nos contan historias tremendas de como abortaron elas, ou unha familiar ou unha amiga", conta Marta Casal, afeita xa a ouvir testemuños duros que non son patrimonio da memoria dunha soa muller, senón de moitas, e que, malia os anos transcorridos, posúen plena vixencia nos nosos días. 

Así as cousas, este 8 de Marzo na Coruña será unha xornada de festa rachada.

Unha comparsa de antroido escenificará a briga verbal entre beatas e heroicas feministas na Praza de Lugo, terceira experiencia após o Mercado das Conchiñas (8 de febreiro) e Praza de San Agustín (22 de febreiro).

Tanto ten quen gañe a briga. As feministas da Coruña teñen claro que o único importante é "estarmos nas rúas".