Candeas a San Abel Miragreiro na defensa do dereito a vivenda

[Imaxe Rubén Bernardez González / Facebook]

Unha concentración perante o Concello de Vigo esta cuarta feira (11 de maio) defenderá os dereitos sociais das dúas mil familias que, din, en Vigo están en risco de exclusión.

"Poremos candeas a San Abel Miragreiro que foi quen de conseguir o pasado ano 1.200 cheques sociais para ver se consegue máis", di en conversa con Sermos Galiza Ricardo Martínez, unha das persoas que mantiveron a greve de fame diante do Concello de Vigo a prol do dereito a vivenda. A súa familia, entre elas as dúas crianzas de 7 e 12 anos, foi reubicada finalmente en Salvaterra ao darlles acceso nesta localidade a Xunta de Galiza a unha vivenda social. 

Sen alternativa habitacional as familias de Isabel e Merchi serás despexadas o 13 e o 19 de maio respectivamente

Porén, Merchi e Isabel, as outras dúas persoas que mantiveron o protesto e que serán desafiuzadas das súas vivendas nos vindeiros días "aínda non teñen unha solución", di Ricardo. E o tempo apremia pois o despexo de Isabel está previsto para a sexta feira (13 de maio), o de Merchi para o 19, como explicou ela propia a Sermos Galiza. 

Para as tres familias o Concello de Vigo comprometeuse a pagar un mes de aluguer. Así as cousas, dunha vivenda que terán que conseguir elas propias algo que "non está a ser doado", aseguran. No caso de Ricardo Martínez, durante o xuízo decorrido a pasada semana acordou co propietario da súa vivenda actual que poderían ficar máis un mes nela --co diñeiro municipal. Ese tempo, di, aproveitarán para que as dúas crianzas "rematen as aulas". Así até o 10 de xuño, despois terán que procurar unha outra opción antes de se mudar a Salvaterra. Co réxime de vivenda social terán que asumir os custes de luz e auga e un aluguer de "52 euros ao mes". 

Din sentirse como "a pataca quente doutros" pola actitude que manteñen o Concello de Vigo e a Xunta

Ricardo asegura que se senten como "a pataca quente doutros" a respeito da actitude que manteñen a Xunta e o Concello de Vigo pois ao longo deste tempo lanzáronse repetidas acusacións en relación ás competencias en materia de vivenda. Porén, di, "[nós] non entramos na polémica" o que "queremos é vivenda social e non só para nós senón para os que veñen detrás" pois, lembra, "sabemos que só na cidade de Vigo hai 2 mil persoas en risco de exclusión social que estarán directamente excluídas en breve". 

Neste senso, advirten, "non estamos a deixar" a mobilización "seguiremos protestando". Para comezar esta cuarta feira encomendándose a San Abel Miragreiro ás 12 horas diante da Casa Consistorial.