Sanidade Pública

Candeas e reivindicacións de persoal e medios na vixilia dos PACs

Vixilia nun PAC de Vigo. Foto: PACs en pé de guerra

Denuncia da sobrecarga asistencial e a conxelación de complementos desde hai case unha década.

“Déixannos a dúas velas (candeas)”, denunciaba o persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs) na vixilia reivindicativa que fixeron na noite desta segunda feira a terceira feira. Un colectivo que mantén unha folga desde principios de xaneiro e que ao longo destes meses organizou unha manchea de mobilizacións e protestos para denunciar a sobrecarga asistencial e a conxelación dos complementos por realizar festivos e gardas nocturnas desde o ano 2010.

 

Este noite pasada, en PACs de toda Galiza os traballadores e traballadoras acenderon candeas e penduraron faixas e cartaces para denunciar a súa situación e a ausencia de vontade de interlocución por parte da Consellaría. Reivindican atención de calidade, coa dotación de persoal  necesaria e co material acaído para ofrecer o servizo.

 

"Anos queimados pola sobrecarga asistencial e a perda de dereitos laborais” anuncia o cartel da convocatoria. Nesa liña, en declaracións a Sermos Galiza, Elisa Ausín Rodríguez, médica e portavoz de PACs en Pé de Guerra na área de Vigo,afirma que as reivindicacións son tan básicas como o feito de esixir “que nos dean de comer cando facemos unha garda de 24 horas” ou que “non teñamos que recuperar as horas das baixas”. Reclaman tamén que os complementos conxelados desde o ano 2010 se recoñezan e se abonen. Entre as peticións do colectivo tamén se manteñen a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolven.