Cancións e saúdos fascistas na festa da Escola Naval Militar de Marín

(Video de lamarea.com)

Coa presenza de futuros oficiais da armada española.

Máis unha vez entre militares en activo do exército español: saúdos nazis e cancións fascistas. Desta volta, na Galiza, na Escola Militar Naval de Marín, como informa La Marea nunha exclusiva, na que tivo acceso a un vídeo no que se ve a grupos de persoas, con presenza de futuros oficiais da armada española, exhibindo xestos fascistas.

Alumnos da Academia da Armada Española en novembro de 2018, na Festa do Cento. A  gala de despedida dos  ‘guardiamarinas’ que van realizar o seu cruceiro de Instrución a bordo do famoso buque Juan  Sebastian de Elcano arrinca no Casino dos Alumnos.

“Horas despois, algúns deses mesmos mozos cantan ao unísono un famoso himno fascista: ‘Primavera’, a versión que fixo a División Azul da  Katyusha rusa durante a súa estancia na fronte, loitando ás ordes de Hitler. Algúns, ademais, levantan o brazo e fan o saúdo nazi”.

No vídeo, ao que tivo acceso  lamarea.com e que publica en exclusiva, a canción escóitase con absoluta claridade. “Esta nova gravación, unida ás que se fixeron públicas nas últimas semanas, mostra de novo a normalidade coa que se entoan cancións fascistas nalgunhas celebracións e marchas militares, ao contrario do que afirma a ministra de Defensa, Margarita Robles”.

“A canción fascista soou cara ao final da celebración, segundo Cristina –nome ficticio para preservar a súa identidade–, quen asegura participar na Festa do Cento de 2018 invitada por un alumno da escola amigo seu. Esta filla de militar sostén que quedou de pedra ao oíla “porque en xeral todo o mundo alí, tanto estudantes como convidados, sabíana de memoria, e iso a min trastornoume moito”. A moza asegura que moitos dos militares presentes colocáronse xuntos nunhas escaleiras para cantar a canción.

Desde o departamento de Comunicación da Escola Naval Militar de Marín aseguraron a  lamarea. com descoñecer os feitos, que tiveron lugar hai dous anos. Tampouco concretaron a ese medio se durante os cánticos había mandos presentes.