Cancelada a Festa da Auga en Vilagarcía e o combate naval pola Covid

Festa da Auga en Vilagarcía (Foto; Turismo rías Baixas)
Vilagarcía celebrará a festa do San Roque sen eventos multitudinarios para evitar as grandes concentracións de persoas, coa Festa da Auga e o combate naval cancelados debido á situación sanitaria.
As festas de Vilagarcía de Arousa quedarán este ano sen a Festa da Auga e o combate naval, que foron cancelados debido á situación sanitaria. A subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta cuarta feira, 4 de agosto, a xunta local de seguridade do Concello xunto ao alcalde, Alberto Varela.

Durante a reunión coordináronse os dispositivos policiais que levarán a cabo para garantir a seguridade e o cumprimento das medidas contra a Covid-19 durante as festas.

En risco alto segundo as últimas restricións aprobadas pola Xunta, Vilagarcía limitará as capacidades de público na celebración de actos e foron suspendidas a  Festa da Auga e o combate naval.

Policía Local e Policía Nacional prestarán especial atención e vixilancia á posíbel celebración de botellóns, segundo destaca a Subdelegación.

Con este fin, sinalizaranse e prohibirán os accesos a praias e parques, que continúan fechados. Entre a 1 e as 6 horas está prohibida a permanencia de grupos de persoas excepto os formados por conviventes.

Ademais, Tráfico reforzará a vixilancia de consumo de drogas e alcol ao volante con controis móbiles.