Os campus abren o curso co ensino presencial como reto

Estudantado universitario acode ás aulas no campus da USC en Compostela. (Arxina)
 Distanciamento, probas diagnósticas, máscara obrigatorias e outras medidas sanitarias, dentro e fóra da aula, marcan o inicio dun curso universitario que quere aprender das dificultades que o confinamento imprimiu aos últimos meses do período anterior e que busca poder manter a presencialidade como 
fórmula académica prioritaria, pero contemplando escenarios de docencia telemática ou semipresencial en función do contexto epidemiolóxico. 
 

Anticipábao o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, no seu discurso de apertura do curso académico o pasado día 18, ao avogar pola presencialidade e a convivencia como "elemento esencial do proceso formativo" e introdutor dun "factor de igualdade de oportunidades que non debe perderse de vista", despois dun final de curso marcado pola virtualidade e as súas consecuencias, que mesmo provocaron unha convocatoria de folga.  

Nese espírito, as universidades galegas recibían esta segunda feira o alumnado e completaban o inicio dun curso marcado pola máscara obrigatoria, a modificación das distancias e capacidades dos distintos recintos e a premisa de priorizar o ensino presencial, aínda que apoiada con fórmulas de semipresencialidade ou docencia telemática, que poderían estenderse se a situación sanitaria o exixe, segundo os escenarios previstos nos seus respectivos protocolos.

"Combinar a máxima presencialidade posíbel cun coidado exquisito da saúde" é tamén a aposta que formulaba o reitor de Vigo, Manuel Reigosa, quen incidía no traballo realizado nos últimos meses para programar a volta ás aulas facendo destas un lugar "seguro" e no esforzo e a capacidade de adaptación dos centros para manter "por todos os medios" o ensino presencial.

No mesmo sentido, o reitor da Coruña, Julio Abalde, consideraba nos últimos días "imprescindíbel" garantir a presencialidade da docencia, de forma equilibrada co uso das ferramentas telemáticas, nun inicio de curso marcado pola incerteza sanitaria, diante da cal apelaba á "resposta rápida" das institucións universitarias segundo as condicións de cada momento, "para garantir a docencia e a seguridade".

Universidade da Coruña

Nos campus coruñeses e no de Ferrol, as clases comezaron para 16.000 estudantes, ao tempo que entrou a funcionar un plan de formación en liña para alumnado e o profesorado, dirixido a mellorar as competencias nas ferramentas dixitais para a teleformación e o teletraballo.

Así ocorría, agás para unha parte do equipo decanal da facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol, illado desde a semana pasada por un positivo e que tivo que abrir o ano académico con teletraballo.

Para facilitar o acceso virtual, a Universidade da Coruña (UDC) ten previsto para este curso un plan de cesión de equipos informáticos para o estudantado que non dispoña deles, e tarxetas de conexión, que se completará coa posta en funcionamento de espazos wifi seguros dentro dos centros, que se acompaña co compromiso do reitor de "mellorar as ferramentas tecnolóxicas" dispoñíbeis, a comezar pola actualización da app universitaria para que serva de canle de comunicación sectorizada de cada centro co seu alumnado. 

Así mesmo, a institución coruñesa ten habilitado un número de teléfono de atención ao alumnado e unha web onde centraliza os protocolos de todos os seus centros, ademais da información xeral, e xa anunciou a realizacións de tests serolóxicos e a entrega de máscaras reutilizábeis para todo o seu persoal, ademais de reforzos na limpeza dos centros ao longo do curso.

Universidade de Compostela

Tamén os campus composteláns e de Lugo recomendan ao  estudantado o uso da súa aplicación específica para coñecer a información actualizada da Universidade, e teñen operativa unha canle oficial de Youtube con titoriais de uso das diferentes ferramentas que se empregarán na docencia. O correo electrónico e a aula virtual serán, segundo o ente académico, as ferramentas coas que se comunicarán os cambios da docencia presencial en función do escenario sanitario.

Como mecanismos para a prevención dos contaxios, ademais do uso obrigatorio da máscara en todos os espazos e a separación de 1,5 metros na aula, esta Universidade restrinxe o acceso a cada centro ao alumnado que curse outros estudos, incluídas as bibliotecas, que si se poderán usar por todo o alumnado, no caso das xerais, nas fins de semana e durante os días festivos.  

Instrucións para moverse dentro das facultades, uso obrigado de xel na aula, "kits" de autolimpeza para estudantado –e reforzo dos servizos de limpeza– ou restriccións para o acceso aos aseos ou a cafetaría son outras das medidas deseñadas desde a Universidade de Compostela, que nestas circunstancias obriga o alumnado a ocupar o mesmo asento na aula e rexistralo, a travé da secretaría virtual, de cara a facilitar o rastrexo no caso de que se produza un contaxio. 

Ademais, a institución vén de poñer en marcha un programa de voluntariado fronte á Covid-19, recoñecida con créditos ECTS para todas as titulacións, dirixido a "promover o cumprimento das medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados". 

Universidade de Vigo

Tamén os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense comezan o curso con medidas excepcionais de seguridade e hixiene, máscara obrigatoria e espazos con capacidade reducida, ademais de códigos QR nas aulas para rastrexar contactos ante a aparición dun caso positivo.

Entre as actuacións previstas contra o coronavirus está tamén a realización de 3.000 probas PCR ao persoal docente e non docente, ás que se engadirán outras 200 PCR aleatorias de control semanal ao longo do curso, a realizar entre o alumnado.

O Consello de Goberno que tivo lugar a pasada sexta feira tamén aprobou, na súa primeira sesión do curso, a creación dun comité de asesoramento sobre Covid-19 que fará seguimento destas probas e avaliará as posíbeis medidas de feche de aulas ou cursos, no caso de ser necesario.  

Para facer compatíbel a presencialidade cun sistema mixto que alterna clases con virtualidade, esta Universidade ten operativo o Campus Integra, que permite docencia simultánea na aula e en remoto.

Inicio do curso en ESO, Bacharelato e FP con persoal "insuficiente"

O curso universitario comeza dous días antes de que o faga o ensino secundario obrigatorio, o bacharelato e a FP, unha volta ás aulas que terá lugar, segundo denunciou onte CIG-Ensino, con "profesorado insuficiente", malia as últimas decisións da Xunta de ampliar con 847 profesionais o persoal docente para este curso.

A ollos do sindicato, esta cifra supón, nestas etapas, unha "mellora considerábel", mais está "lonxe de cubrir todas as necesidades dos centros de ensino secundario" e "despreza a profesorado e alumnado de Infantil e Primaria", unha etapa que non se viu reforzada e onde non se aplica a distancia interpersoal de 1,5 metros na aula. Nese sentido, a organización chama a participar na xornada de folga convocada para mañá "por unha aulas seguras".

A Xunta pon a andar o comité educativo

Tamén nesta xornada botaba a andar o novo órgano asesor da Xunta en materia educativa, o comité educativo, cunha primeira xuntanza no mesmo día da publicación no DOG (o Diario Oficial da Galiza) da orde para a súa constitución.

Segundo esta comunicación, o comité nace para "afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia" e coas funcións de identificar e asesorar, "desde a mellor evidencia científica dispoñíbel", medidas organizativas e de xestión "que favorezan o ensino inclusivo e de calidade nos distintos escenarios epidemiolóxicos", promover a redacción de informes, relatorios e estudos que acheguen bases científicas sólidas para a mellora continua e adaptación ás circunstancias emerxentes e propor e avaliar medidas educativas, organizativas e de xestión para "a mellor resposta posíbel desde criterios de inclusión, equidade e calidade", e tendo en conta as particularidades dos diferentes centros.

A sesión serviu para estabelecer os catro grupos de traballo en que se artellará o ente, como son a organización escolar e interna dos centros, o ensino virtual, a inclusión do alumnado con necesidades especiais e as ensinanzas de réxime especial. 

Formada por 35 membros baixo a dirección do conselleiro Román Rodríguez, o comité inclúe nomes de "recoñecido prestixio", como son o ex director do IES Rosalía de Castro de Compostela Ubaldo Rueda, o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo e o ex voceiro de Educación no Parlamento galego polo PSdeG Vicente Docasar, ademais de representación de equipos directivos, de equipos de orientación, innovación e psicoloxía educativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza e da Comisión Interuniversitaria (a CIUG).