Goretti Sanmartín

"A campaña mudou a imaxe do BNG"

Goretti Sanmartín apresenta a campaña con Rubén Cela

A campaña do BNG non só resultou nun significativo incremento de votos a respeito das últimas convocatorias eleitorais -as dúas voltas das xerais-, senón tamén impactou pola súa factura técnica. No Sermos215 entrevistamos a súa directora, Goretti Sanmartín. Eis un avanzo da conversa.

Que valoración fas da campaña, sobre todo dun ponto de vista técnico?

Facemos unha valoración moi positiva. Foi unha campaña innovadora, que utilizou materiais de vangarda e renovou a comunicación política deste país; con poucos meios, apostando na criación propria. Foi unha campaña fresca, en positivo, que mudou a imaxe do Bloque Nacionalista Galego porque tivo unha liña fundamental que a atravesou, transmitir das nosas propostas en positivo e centrando fundamentalmente as referencias todas arredor da candidata á presidencia da Xunta. Partimos do mesmo discurso, do discurso que defendeu desde sempre o BNG, mais enfocámolo sempre desde as demandas das persoas, para intentar que visen que hai solución aos seus problemas. Falamos de como afecta a xente a situación de dependencia do país, máis non o fixemos través de conceitos abstractos que en moitas ocasións non chegan.

Como xurdiu o efecto Pontón? Que hai nel de espontáneo e que hai nel de traballo de gabinete?

A ver, nós desde un primeiro momento, comentámolo así, puxémolo por escrito nos documentos de traballo, queríamos salientar a figura da candidata. Pensabamos que era  o mellor activo en positivo que podíamos oferecer como organización nestes momentos, e daí que unha das primeiras propostas nosas fose a conversa de Ana Pontón con Quico Cadaval ou o de facer o vídeo de “Un día con Ana”, intentando mostrar esa imaxe máis humana de Ana, de persoa con moitísimo coñecimento do país, mais con moitísima capacidade de diálogo, con empatía que transmitía ao seu arredor, un pouco o que di Luís Bará, que máis que Efecto Pontón tería de se falar de Afectos Pontón. 

A íntegra da entrevista tela ao teu dispor no Sermos215, nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.