Comeza a tempada do polbo na Galiza

Esta segunda feira abriu a veda da pesca de polbo no país. (Foto: Nós Diario)
A campaña de extracción de polbo estenderase no país até o inicio da veda de 2023.

Na madrugada desta segunda feira, contra as 5 horas, comezou a campaña do polbo na Galiza, que se prolongará até o inicio da veda de 2023, nunha data que se fixará a través do correspondente plan experimental e que se publicará antes do seu comezo.

Segundo trasladou a Consellaría do Mar, así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2022-23. Neste senso, explicou que segundo estabelece este documento, entre o 4 de xullo e o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante a bordo, até un máximo de 210 quilos nunha única xornada.

No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilos diarios por cada tripulante enrolado a bordo, até un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para o polbo iniciarase ás 6 horas —aínda que poderán saír do porto ás 5 horas— e rematará ás 16 horas. Aliás, o número de nasas permitido queda fixado en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes a bordo.

Réxime en caladoiros

Sobre o réxime de calado das nasas, a Consellaría detallou que de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levar a porto todos os días. Con todo, contempla as seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira, aquelas que estean estabelecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán ficar no seu calado sen seren levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal.

Este mesmo sistema rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña até o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Por outra parte, na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo até o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data até o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán ficar caladas mesmo durante o período de descanso semanal.

No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal. Sexa como for, a Xunta asegurou que a actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola subdirección xeral de Gardacostas da Galiza, en colaboración cos gardacostas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.