Campaña da CIG nos 1.200 centros de ensino do país pola restitución de dereitos do profesorado

Nestes 8 anos os salarios baixaron en 10% e a perda do poder adquisitivo foi 23%, aplicáronse descontos por enfermar, aumento da xornada lectiva e das ratios de alumnado por aula.  

CIG-Ensino impulsa unha campaña de recollida de sinaturas que,  baixo o lema Pola recuperación dos nosos dereitos, reclama a restitución dos dereitos laborais e salariais perdidos nos últimos anos polo profesorado e de reivindicar unha mellora nas condicións de traballo. A campaña desenvolverase en 1.200 centros de ensino.

 

 Ao longo deste segundo trimestre, delegados e delegadas da central nacionalista visitarán os centros educativos do País para realizar asembleas informativas e achegarlle ao profesorado os pregos de sinaturas que posteriormente lle serán entregados ao conselleiro de Educación e Cultura. A campaña tamén se pode apoiar dixitalmente a través da web do sindicato.

 

Función Pública Docente

 

Entre as principais reclamacións no marco desta campaña está a creación dun Estatuto da Función Pública Docente, que o sindicato entende que debe responder a unha negociación real sobre as condicións laborais nas que desenvolve o seu traballo o persoal docente galego. Precisamente, ijdca a CIG, a campaña posta en andamento fai fincapé nas cuestións máis urxentes e prioritarias que teñen que formar parte desa negociación e que foron presentadas publicamente polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. Bermello estivo acompañado dos responsábeis de Acción Sindical, Diego Boquete, Educación Primaria, Teresa Carballido e Secundaria, Laura Arrojo.

 

Na súa intervención referiuse á necesidade de recuperar a contía integra do soldo e das pagas extras que percibe este colectivo. Tamén criticou os descontos que penalizan a enfermidade e o aumento das tarefas burocráticas nos centros que fan que o profesorado non se poida centrar no realmente importante que é o traballo nas clases. As carencias existentes na atención á diversidade e ás necesidades específicas de apoio educativo tamén teñen a súa presenza nesta campaña.