A campaña "En negro contra as violencias" suma xa 138 concellos

Foto de grupo dos e das asinantes do protocolo (Cedida).

Tamén conta co apoio de tres das catro deputacións galegas. Falta a de Ourense.

O número de concellos que se suman á campaña ‘En negro contra as violencias machistas’, que impulsara en 2015 o anterior goberno local de Compostela, continúa a sumar apoios. Aquela iniciativa xurdida para “facer visíbel o rexeitamento da cidadanía" ás violencias machistas foi medrando e sumando. SE en 2017 eran por volta de 70 os municipios galegos adheridos, neste ano a cifra é de 138, así como tres das catro deputacións (falta a de Ourense).

Esta sexta feira realizouse en Lugo o acto de sinatura do convenio de colaboración entre concellos "En negro contra as violencias". Ao acto celebrado no Vello Cárcere de Lugo asistiron alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de boa parte dos concellos asinantes e das tres deputacións participantes, as da Coruña, Pontevedra e Lugo. O primeiro rexedor en intervir foi o compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, quen valorou o feito de que unha campaña "nacida para un só ano e para un só municipio, Santiago, se acabara estendendo a 138 municipios e tres deputacións".

Protocolo

No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas".

Tamén se asume como meta "a promoción da transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbito". Finalmente, os asinantes comprométense a "identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais".