A campaña da gripe 'pincha': primeiros dez días e xa faltan vacinas

No centro, Carmen Durán, durante a presentación da campaña da gripe.
No último mes e medio, a Consellaría de Sanidade fixo numerosos chamamentos para que a poboación diana se vacinase da gripe. Porén, a falta de previsión provocou que a día de hoxe escaseen as doses nos ambulatorios galegos. É o caso do centro de saúde Concepción Areal de Compostela, onde xa non fica a tipoloxía que se lles inxecta ás persoas maiores de 65 anos.

Ao longo do mes de setembro e a principios de outubro a Consellaría de Sanidade promoveu a vacinación da gripe cunha campaña específica e co envío de comunicados de prensa. Presumía entón de investir 3,2 millóns de euros para tratar de diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas desta doenza.

Informaba entón Sanidade de que a campaña arrincaba o 13 de outubro e de que remataría o 31 de decembro e lembraba a importancia de vacinarse no contexto da pandemia pola Covid, pois poden coincidir ambas as infeccións.

“A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto das doses, até completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior”, explicaba a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Porén, aos dez días de comezar a campaña, xurdiron os problemas. Centros de saúde, como o Concepción Areal de Compostela, están a chamar pacientes con cita para a vacina para aprazarlles a súa inxección. A razón: non fican doses dispoñíbeis. A escaseza afecta, sobre todo, a vacina que se emprega para as persoas menores de 60 anos.

O pasado día 19, a Consellaría de Sanidade puña de manifesto nun comunicado de prensa que en só unha semana de campaña o número de vacinas distribuídas superaba en case 133.000 as doses repartidas na primeira semana da campaña de 2019. De feito, vacináronse máis sanitarios neses primeiros sete días que en todo o ano anterior.

Chamamento a agardar

Debido a que detectou un aumento no número de persoas que, malia non pertenceren á poboación albo, xa se vacinaron, Sanidade chama agora as crianzas e as persoas do tramo de idade comprendido entre os 15 e os 60 anos a agardar.

É a primeira vez que o fai. Pide á poboación de risco que espere até o final da campaña para inxectar a dose. Porén, faino tarde, pois o aprazamento das citas é xa un feito e causa inquedanza e malestar nas e nos pacientes que tiñan marcado na axenda o día da súa vacinación.

A Organización Mundial da Saúde xa advertira a finais de setembro que o aumento da demanda da vacina da gripe e a súa falla de produción podería implicar problemas de abastecemento.