Un camión que transportaba troncos envorca e obriga a cortar a circulación durante seis horas en Muíños

O camión envorcado en Muíños (Foto: Garda Civil).
O accidente ocorreu pouco antes das 22 horas da segunda feira no quilómetro 56 da OU-540, na parroquia de Parada de Ventosa, en Muíños.

O envorco dun camión que transportaba troncos ocorrido na noite da segunda feira en Muíños (Baixa Limia) obrigou a cortar por completo a circulación da OU-540 en ambos os sentidos durante case máis de seis horas, entre as 22 horas da noite e as 4.25 da madrugada.

O condutor do vehículo saíu practicamente ileso -foi atendido no lugar polos servizos sanitarios- e deu negativo nas probas de alcoholemia, segundo informan o 112 Galiza e a Garda Civil.

O accidente

O accidente ocorreu pouco antes das 22 horas da segunda feira no quilómetro 56 da OU-540, na parroquia de Parada de Ventosa, en Muíños.

A circulación quedou completamente interrompida tanto polo camión como pola carga que transportaba, que se espallou pola calzada.

Así, Urxencias Sanitarias da Galiza-061 desprazou unha ambulancia até o lugar dos feitos e os servizos médicos atenderon ao condutor, que finalmente non tivo que ser evacuado.

Para restabelecer as condicións da estrada no menor tempo posíbel, o 112 informou a Garda Civil de Tráfico, aos GES de Muíños e Lobios, a Protección Civil e aos operarios de mantemento da vía.