Manifestación este domingo ás 12 desde a Alameda de Compostela

Camiño expedito á depredación

A maioría “popular” no Parlamento conseguiu a pasada terza feira sacar adiante a proposición de lei presentada a comezos de agosto co título de Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais de Galiza, unha norma que vai ter importantes repercusións en practicamente todos os sectores vencellados á actividade industrial do país e, por suposto, tamén no marco lexislativo que regula a protección do patrimonio natural e os prazos de información e exposición públicas. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 268 de Sermos Galiza.

Deixando á marxe o feito, xa habitual, de que o Partido Popular elixise o mes de agosto para a presentación da Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, é indubidábel que o texto ten provocado fortes resistencias nun amplo grupo de colectivos vencellados ao ecoloxismo, ao mundo rural e á protección do patrimonio natural, até o punto de ter constituído unha plataforma e convocado unha manifestación para este domingo en Compostela –con saída ás 12h da Alameda–. Non é menos rechamante que, para evitar unha serie de controis que si tería que cumprir no caso de promovela como Goberno –a través dun proxecto de lei–, o PP acudise á figura da proposición de lei. Deste xeito “aforra” unha serie de trámites relacionados coa exposición pública, os prazos de alegacións, os ditames de organismos alleos ao Executivo, así como informes de control de legalidade ou de dotación económica, entre outros. A invocación á “ampla participación da cidadanía na elaboración desta norma” que figura na exposición de motivos non semella ser compatíbel cun trámite feito con estivalidade e pola vía da urxencia, e iso sen entrar a valorar as restricións aos prazos de información pública que recolle o articulado.

 

É sintomático tamén que o PP opte polo trámite de urxencia que xustifica, di, na “preocupación compartida por axentes sociais e grupos políticos” sobre a necesidade de tomar medidas para que a implantación empresarial na Galiza resulte “aínda máis atractiva para os investidores”. Así, asegura que “as empresas de todos os sectores reclaman maiores facilidades tanto na adquisición de solo como na tramitación das autorizacións ou no apoio público”. Trátase, en definitiva, de “incentivar a instalación de empresas, de xeito que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento da Galiza nin minguar a súa capacidade de competir coas moi favorábeis condicións de implantación empresarial que ofrecen outras zonas limítrofes” (en referencia, non explicitada, a Portugal). E para acadalo, o PP avoga por modificar unha serie de leis, algunhas de xeito substancial, mesmo as aprobadas polo propio Partido Popular. Esta auto-corrección, segundo nos afirma a CIG, é “a constatación do seu fracaso, ao facer unha auténtica emenda á totalidade das súas propias políticas pasadas”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 268 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]