Ciencia e investigación

A camelia é unha fonte de propiedades anticanceríxenas e antioxidantes

A investigadora Rocío Barreiro, natural das Neves, estuda as propiedades da 'flor das Rías Baixas'. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Rocío Barreiro, da Universidade de Vigo, investiga os beneficios do té e do aceite da 'camellia'.

A tese doutoral sobre os beneficios das camelias realizada pola investigadora Rocío Barreiro, da Universidade de Vigo, foi cualificada cun sobresaliente 'cum laude' ao concluír que o té e o aceite elaborados a partir das camelias presentan propiedades anticanceríxenas e desoxidantes.

Barreiro explica para Nós Diario que comezou a traballar en 2016 na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, en Pontevedra, na que xa se estaban a desenvolver investigacións sobre a camelia. Daquela foi cando comezou o seu estudo sobre a obtención e análise da calidade do aceite desta planta. "Vimos que non había información sobre a produción de aceite de camelia na Galiza, nin no conxunto de Europa". A investigadora comenta que a oportunidade de traballar co produto era moi boa pois podía obterse sen necesidade dunha grande infraestrutura e a partir de árbores xa presentes en diversos xardíns.

Paralelamente ao estudo do aceite, Barreiro decidiu ampliar a súa tese incluíndo nela a produción de té obtido das propias camelias. "Xa se iniciara unha pequena plantación piloto de camelias sinensis, das que se consegue o té, e decidimos completar a investigación co estudo desas plantas", explica a investigadora.

Principais conclusións

A primeira conclusión consistiu na demostración de que ambas as especies, a común e a  sinensis, de camelia poden adaptarse ao terreo da Galiza tanto climatoloxicamente como en relación ao solo. Con todo, comprobouse que as camelias sinensis resultan máis delicadas, pois a escaseza de auga aféctalle máis.

Con respecto á composición dos produtos analizados, concluíuse que o aceite de camelia, habitualmente empregado na cosmética dada as boas prestacións que achega á pel, tamén é válido para o consumo. De feito, segundo explica Barreiro, "na China xa o denominan como o aceite de oliva asiático". Tras a análise compositiva de ácidos graxos e dos índices de calidade, demostrouse que as característica fisicoquímicas do aceite de camelia resultan óptimas e son equiparábeis ás do aceite de oliva virxe extra. "A gran sorpresa foi comprobar que a súa composición é incluso máis beneficiosa para a saúde que a do AOVE, pois conten unha menor cantidade de ácidos graxos saturados".

Ademais, evidenciouse a presenza de Vitamina E nestes aceites, un elemento antioxidante. Tamén se descubriu que o aceite de camelia conta con altas capacidades para reter algúns dos radicais libres máis comúns, "os principais culpábeis do envellecemento da pel e, en xeral, das células".

En canto ao té, "sabiamos que é un produto con alto contido en polifenois", como as catequinas, que ademais de seren antioxidantes, son utilizadas na prevención e tratamento do cancro, "polo que resultou necesario comprobar cal era a cantidade de polifenois nos tés de camelia, e comprobamos que era moi alta". A investigación de Barreiro confirmou que o té de camelia resulta equiparábel a calquera outro té, e que contén incluso máis polifenois que o propio aceite da flor.

A precariedade na investigación

A investigadora Rocío Barreiro explica para Nós Diario que, desde a súa experiencia, as institucións e as Administracións públicas non destinan os suficientes recursos para a investigación. "É unha mágoa, investigamos moito pero despois non se fai unha transferencia" da información, e engade que resulta moi difícil vivir dignamente cos salarios das persoas investigadoras: "é un sector moi precarizado".