Cambio de hora: toca atrasar ou adiantar os reloxos?

Os reloxos adiantaranse unha hora esta fin de semana. (Foto: Stephanie Frey)
Este domingo comeza o horario de verán na Unión Europea.

Na madrugada deste sábado ao domingo, 26 de marzo, ás 2 horas serán as 3h —as agullas pasarán de marcar as 1.59h ás 3h— e, após adiantar unha hora os reloxos, dará comezo o horario de verán, que se estenderá até a última fin de semana de outubro, cando o reloxo volverá ao horario de inverno. A mudanza horaria dá cumprimento á directiva europea 2000/84/CE, que segue a afectar, sen excepción, todos os Estados membro da Unión Europea. As primeiras disposicións do horario de verán adoptáronse en Europa en 1980 e, coa aprobación no ano 2000 desta directiva comunitaria, fixouse o inicio do horario de verán no último domingo de marzo e a súa finalización na madrugada do último domingo de outubro.

Malia que no conxunto da UE se valorara en 2018 a proposta de eliminar o cambio de hora, iniciando o consecuente proceso que aínda que consideraba suprimir esta mudanza en 2019, os daquela Vinte e oito Estados consideraron que a iniciativa era prematura e aprazouse a decisión definitiva.

No Estado español, o Consello de Ministros do 22 de marzo de 2019 avanzara, da man da entón portavoz do Goberno e ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, que se mantería o fuso horario e o cambio de hora estacional mentres reflexionaba até o ano 2021, data na que estaba previsto resolver a cuestión, se ben a falta de acordo levou a manter os saltos horarios.

A directiva europea 2000/84CE ten por obxectivo aproveitar mellor a luz solar durante a tarde. O cambio é obrigatorio e sempre se produce nas mesmas datas e horas no conxunto do espazo comunitario, de modo que non existe a posibilidade de que un Estado membro non o aplique.

A Comisión Europea considera que o consumo de enerxía non é o único aspecto positivo, senón que tamén subliña outros impactos sobre sectores como o transporte, as comunicacións, a seguridade viaria, as condicións de traballo, os modos de vida, a saúde, o turismo ou o lecer.

O cambio de hora remóntase á década de 1970, coa primeira crise do petróleo, cando algúns países decidiron adiantar o reloxo para aproveitar mellor a luz natural do sol e consumir menos electricidade en iluminación.

Desde 1981 aplícase como directiva que se renovaba cada catro anos até a aprobación da Novena Directiva, do Parlamento Europeo e o Consello da Unión, en xaneiro de 2001, que estabeleceu o cambio con carácter indefinido.