O cambio climático tamén afecta o patrimonio monumental: así dana o granito

Igrexa de Santa María de Vilar, en Guitiriz (comarca da Terra Chá). [Foto: Nós Diario]
Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela recreou as condicións ás que se poden ver sometidas as comunidades biolóxicas que colonizan os monumentos construídos en granito co fin de predicir o impacto do cambio climático en gran parte do patrimonio artístico.

A deterioración acelerada dos indicadores do cambio climático e a preocupación crecente que acompaña cada nova predición do panel internacional de persoas expertas animou o equipo investigador do Grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC a impulsar unha investigación que permitise coñecer en que medida o cambio climático afectará as comunidades biolóxicas que crecen no noso patrimonio monumental.

A investigadora Elsa Fuentes Alonso asumiu a encomenda baixo a dirección de Beatriz Prieto Lamas, líder "dun laboratorio que desde sempre traballou en prol da conservación do patrimonio pétreo da Galiza", destaca Fuentes Alonso a Nós Diario.

Tres igrexas do rural

Unha das partes centrais do seu estudo desenvolveuse precisamente aí, no laboratorio, despois dun primeiro traballo de campo para coñecer a colonización dos monumentos graníticos galegos.

"Unha colonización é todo organismo vivo presente no patrimonio: plantas vasculares –liques– e microorganismos. A miña investigación centrouse no estudo de microorganismos, o que comunmente coñecemos como verdín, formado por microalgas e cianobacterias".

A investigadora recolleu mostras da biomasa acumulada de algas verdes e cianobacterias presentes en tres monumentos graníticos do rural: as igrexas de Santa María de Vilar (Guitiriz, na Terra Chá), San Cosme de Rocha (Friol, en Lugo) e San Cibrao de Barreiro (Antas de Ulla, na Ulloa). O seguinte paso foi recrear no laboratorio as condicións naturais desas colonizacións, "unha das partes máis complicadas do estudo".

Auga, temperatura, CO2 e radiación

O cambio climático, explica Fuentes Alonso, "é un proceso lento e longo no tempo, difícil de reducir a uns poucos anos de investigación, mais logramos as condicións necesarias para observar como responden os organismos aos cambios en períodos curtos de tempo". Cambios na dispoñibilidade de auga, na temperatura, na concentración de CO2 e na radiación ultravioleta. 

Tomou como referencia os valores máximos esperados, para concluír que "a biomasa posibelmente se vai ver reducida pola menor dispoñibilidade de auga e as secas máis abundantes, pero a colonización nunca vai deixar de estar aí". As comunidades mudarán para adaptarse ao medio. "E o cambio dará lugar a outras máis deteriorantes, cun maior impacto no patrimonio –non só estético–, con capacidade para modificar ou atacar a rocha". Agora hai un equilibrio entre algas verdes e cianobacterias "que se romperá co cambio, e a tendencia indica unha viraxe cara a unha maior presenza de cianobacterias, máis agresivas".

Recolonizacións

Após o traballo de Elsa Fuentes Alonso, o Grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural continúa a profundar na relación entre cambio climático e patrimonio. 

"A conservación de moitos edificios implica procesos de limpeza nos que se usan biocidas e químicos. É importante coñecer a recolonización que se dá despois deses tratamentos nun contexto de cambio climático. Que comunidades van crecer neses substratos? Porque poderían xurdir colonizacións máis prexudiciais para a rocha", conclúe a investigadora.