O cambio climático está mudando a verde a cor dos océanos

Floración de fitoplancton fronte á costa francesa en 2004. (foto: Nature / Nasa)

Un estudo da revista “Nature” sinala que nos últimos 20 anos máis da metade dos océanos pasaron de tons azuis a máis verdes.

O mar é cada día máis verde e menos azul. Un estudo do Centro Nacional de Oceanografía do Reino Unido publicado esta semana na revista Nature utilizou imaxes de satélite dun enfoque metodolóxico innovador para mostrar que os ecosistemas de plancto están cambiando, o que afecta á cor da auga. Os autores do estudo detectaron un aumento da reflectancia na lonxitude de onda verde que afecta a 56% dos océanos e que vinculan ao cambio climático.

A acción humana, o gran responsábel

O motivo, sinalan, ten que ver coa acción humana e non se pode atribuír á variabilidade natural interanual. Porén, descoñécese a causa específica responsábel do cambio de tonalidade mariña. Os investigadores puideron comprobar como as rexións máis afectadas son as máis próximas ao ecuador, zonas onde os ecosistemas mariños están cambiando debido ao quecemento global.

Unha das investigadoras, Stephanie Dutkiewicz, di que os resultados non son sorprendentes, senón “aterradores”. Neste sentido, lembra que “estes cambios son consistentes cos cambios inducidos polo home no noso clima”. O autor principal do estudo, o científico B. B. Cael, insiste na idea de que esta “é outra forma na que o ser humano está a afectar á biosfera”.

A cor da auga, como lembran os autores do estudo, é un reflexo literal dos organismos que alí viven. O cambio de tonalidade, con todo, é practicamente imperceptíbel para o ollo humano, e foi detectado en parte polo satélite mariño Aqua, que leva máis de vinte anos vixiando a cor da auga.

Coherente co quecemento global

Para probar se os cambios de ton poderían estar relacionados co cambio climático, os investigadores compararon as observacións cos resultados dun modelo que simulaba como os ecosistemas mariños poderían responder ao aumento dos niveis de gases de efecto invernadoiro na atmosfera. Os cambios observados, explican os investigadores do estudo, coinciden cos do modelo.