Cambia a tendencia: as análises nas augas residuais anticipan un aumento dos casos de coronavirus

Á planta de tratamento de Bens chegan as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. (Foto: EdarBens).
As augas residuais informan dunha suba da carga viral na área da Coruña

A situación complícase. Segundo os últimos datos facilitados polo equipo do proxecto CovidBens, actualizados a pasada terza feira, a presenza do coronavirus SARS-CoV-2 nas augas residuais que chegan á EdarBens apunta a un cambio de tendencia. A carga viral aumenta, o que anticipa un incremento dos casos de Covid-19.

A alerta xa chegou a mans das autoridades sanitarias. Mais os datos son públicos e accesíbeis na web do proxecto CovidBens, que acaba de facer un ano.

CovidBens

Desde o 15 de abril de 2020 analiza a cantidade de virus SARS-CoV-2 presente nas augas residuais dos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, onde viven perto de 400.000 persoas. "Foi un ano moi intenso, moi duro, pero moi apaixonante tamén", afirma Margarita Poza, investigadora e coordinadora do proxecto desta iniciativa pioneira, sobre todo polos resultados alcanzados neste tempo.

Dunha banda, a confirmación de que as plantas de tratamento de augas residuais funcionan como ferramenta epidemiolóxica. Doutra, que o seu seguimento da pandemia na área da Coruña serve como alerta temperá dun aumento dos contaxios. "Xa o demostramos en varias ocasións. Adiantámonos aos datos reportados polos sanitarios, de forma natural e fiábel, xa que detectamos o virus nas augas residuais antes de que as persoas infectadas acudan ao hospital", cando finalmente se confirma unha repunta. 

Malia a valía confirmada deste tipo de traballos, Poza destaca o carácter "especial" de CovidBens debido á "densidade da mostraxe e a rigorosidade dos datos. Facemos moitas mostras semanais e moitas réplicas para que os datos teñan máis valor. Isto incrementa a nosa capacidade para actuar como sistema de alerta temperá".

Alerta da suba de contaxios

Unha función que manteñen malia a aparición de novas variantes. "Até onde sabemos, todos os virus, en calquera das súas variantes, son detectados nas augas residuais", asevera Margarita Poza.

Segundo explica, o que mudou coa entrada da variante británica, no mes de xaneiro, foi a carga viral. Descubrimos que as persoas infectadas por esta variante excretan máis virus nas feces". Pero este incremento xeral da carga viral non ten nada que ver cos aumentos que indican un cambio real na evolución da pandemia. "Esas subas xustifícanse por unha maior incidencia".

E agora mesmo, observa a investigadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), "estamos vendo un cambio de tendencia á alza". "Estabamos nunha planicie -coa variante británica dominante e cargas virais altas- e agora estamos subindo". A curva da carga viral apunta cara a arriba, "o que significa que os casos van en aumento, aínda que sexan asintomáticos e aínda que non repercutisen no sistema sanitario".

Secuenciación

Desde xaneiro, CovidBens secuencia o virus en augas residuais. Emprega unha nova metodoloxía "complexa e moi cara" que ofrece "uns datos espectaculares en canto á calidade das secuencias xenómicas". Margarita Poza salienta a súa capacidade para detectar calquera variante que apareza. "Mais isto precisa financiamento. Sen investimento, persoal e estabilidade non hai investigación".