Camariñas mobiliza o departamento da Mostra do Encaixe para tecer máscaras

As mascarillas elaboraranse con dous tipos de materiais distintos. (Foto: Nós Diario).
Unha rede de voluntarias fabricará desde as súas casas un total de 15.000.

O Concello de Camariñas acaba de iniciar o proceso de confección dun total de 15.000 máscaras que posteriormente repartirá ás persoas en situación de risco e ao conxunto da poboación para loitar contra a expansión do COVID-19.

O goberno local mobilizou o departamento da Mostra do Encaixe para que, a través dos seus contactos, puidese conseguir o material e crear unha rede de voluntarias para confeccionar máscaras de protección para a cidadanía e minimizar así os contaxios por coronavirus.

Esta rede de voluntarias, que traballará desde os seus fogares, está formada por 40 persoas, que se dividirán entre corte e costura para crear as máscaras, que se farán todas con tela dobre para maior protección. Fabricaranse 14.000 con material ‘tejido no tejido’ (TNT) que adquiriu o Concello e outras 1.000 con algodón 100% doado pola empresa Yutes, de Barcelona. O material está sendo distribuído polos axentes da Policía Local e Protección Civil nas casas dos voluntarios.

Estes operarios serán tamén os encargados de recoller todas as máscaras cando estean listas e tamén se encargarán do reparto. Este material estará dirixido ao conxunto da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables e aos traballadores.