Calvos de Randín marca de novo a mínima da xornada con case 11 graos baixo cero

Estrada en Folgoso do Courel (Foto: Deputación de Lugo)
En Verín marcáronse os -9,5 graos.

A localidade de Calvos de Randín, na comarca da Limia, volveu ser o punto máis frío da Galiza noutra madrugada cos termómetros en valores negativos en boa parte da xeografía galega.

En concreto, a estación de Meteogalicia situada en Calvos rexistrou ás 08:40 horas de hoxe unha temperatura de 10,9 graos baixo cero.

Os termómetros tamén abeiraron os 10 graos negativos en Verín, onde ás 09:00 horas desta quinta feira chegaron aos -9,5º C.

Xinzo de Limia (-8,3º C ás 08:50 horas); Sarria (-7,4º C ás 09:10 horas) e Monforte de Lemos (-6,8º C ás 07:40 horas) foron outros dos puntos máis fríos de Galiza nas últimas horas.