Calvos de Randín volve liderar unha xélida noite na Galiza: -7,9ºC

As xeadas afectaron especialmente a comarca da Limia. Na imaxe, unha horta de Sandiás. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Mezquita, Baltar e Verín ficaron tamén esta madrugada en valores inferiores a 6 graos baixo cero.

O municipio de Calvos de Randín volveu marcar na mañá desta segunda feira a temperatura máis baixa da Galiza, con 7,9 graos baixo cero, nunha nova madrugada de xeadas que afectaron case todo o país, en especial as comarcas do surleste como A Limia, Verín ou Viana.

De acordo cos valores extremos de Meteogalicia, a estación de Calvos rexistrou -7,9 graos contra as 9 horas da mañá, e outros puntos próximos marcaron valores semellantes. Así, a estación meteorolóxica da Mezquita notificou -6,8ºC ás 8.30 horas; a de Baltar, -6,7ºC ás 9 horas, e a de Verín, -6,7ºC ás 8.40 horas.

Malia que sen caer tanto como estas comarcas, outras do interior do país tamén rexistraron temperaturas baixo cero nas primeiras horas desta xornada. Os medidores de Morelle, en Sarria, notificaron -5,6ºC ás 9.10 horas, e os de Pedrafita do Cebreiro, -4,7ºC ás 7.20 horas.

Todo iso nunha xornada na que a Galiza seguirá baixo a influencia das altas presións, con ceos despexados agás algún banco de néboa en determinadas zonas do interior.

Neste contexto, as temperaturas mínimas serán máis baixas a respecto de días pasados e o vento soprará máis frouxo, con intervalos moderados no litoral do país.

Esta situación prolongarase durante as próximas xornadas. De feito, as comarcas do surleste volverán estar en aviso amarelo durante a madrugada da terza feira, con temperaturas mínimas por baixo dos -4 graos.