Segundo a nova doutrina sentada polo Tribunal Supremo

Calquera tocamento non consentido será considerado abuso sexual

Mobilización feminista

Non poucos xuíces viñan tipificando até o de agora os tocamentos non consentidos con intención sexual como un delito leve de coaccións (con penas de tres meses de cadea a dous anos e multas de seis a 24 meses).

O Supremo estabeleceu cunha sentenza emitida esta quinta feira unha doutrina que delimita con clareza as lindes que separan o delito leve de coaccións e os de abuso (penados de seis meses a dous anos ou multa de 18 a 24 meses).

 

A partir de agora, calquera tocamento ou roce non consentido con intención sexual será xulgado como un delito de abuso por constituír un ataque á liberdade sexual.

 

Sempre que o tocamento sexa imposto e viole a vontade da vítima estaríamos perante un delito de abusos sexuais. Tanto ten que o ataque o perpetre o agresor ou sexa auto-inflixido por orde deste. 

 

O delito, aliás, deberá ser punido, "aínda que fose momentáneo".

 

O Supremo pronúnciase nestes termos ao rexeitar o recurso formulado por unha muller contra a sentenza da Audiencia Provincial de Córdoba que confirmou a absolución dun home acusado de abuso sexual. Neste caso concreto, o TS non estima probado que se producise o ataque á liberdade sexual da muller. No entanto, o alto tribunal aproveita a súa resolución para fixar doutrina e esclarecer con maior precisión que se debe entender a partir de agora por abuso sexual.