A calor non dá tregua a Galiza

Esta sexta feira, pico da vaga de calor con corenta concellos en alerta polas altas temperaturas

Os termómetros superarán esta sexta feira marcas históricas en Galiza. Esta quinta feira rexistráronse temperaturas máximas no país de case 43 graos en Arbo e de 42,7 en Arnoia e para hoxe Meteogalicia activou a alerta vermella na zona de Miño de Ourense, que abrangue 21 concellos, onde prognostica que os termómetros superarán os 42 graos.

 

O nivel laranxa de alerta por temperaturas de máis de 39 graos está no resto da provincia de Ourense e o sur de Lugo, para alén da zona pontevedresa do Miño. No resto do país están en alerta amarela porque se agarda que se acaden os 34 graos. Só A Mariña e norte da Coruña librarán desta calor abafante.

 

Segundo as previsións, a segunda feira rexistrarase unha importante caída das temperaturas de máis de 10 graos e volverase a unhas temperaturas máis acordos coas que se dan en Galiza nesta época do ano.

 

Concellos con nivel de risco 1B (alerta): Carnota, Cee, Corcubión, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Cortegada, Lobios, Pontedeva, Vilamartín de Valdeorras, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Cerdedo-Cotobade.

 

Continúan en nivel 1A (prealerta) Aranga, Boimorto, Boiro, Irixoa, Mesía, Monfero, Oza-Cesuras, Folgoso do Courel, Muíños, Cerdedo, Forcarei e Agolada.