Concellos costeiros alertan do aumento de visitantes xa antes da chegada do verán

Praia de Barreiros, na Mariña, nunha imaxe de arquivo (Concello de Barreiros).
O bo tempo acelerou os plans de desconfinamento de moitas familias. As primeiras en detectalo son as zonas costeiras e a súa veciñanza, boas coñecedoras do tránsito cara a segundas vivendas. As corporación locais advirten do risco e piden un control da mobilidade que garanta a seguridade sanitaria.

A última semana de sol e calor serviulles a moitos municipios costeiros para confirmar un aumento do acceso ás praias e a segundas vivendas, unha mobilidade anticipada que nalgúns casos chegaron a constatar nos primeiros días do estado de alarma, cando as restricións eran máis severas e os desprazamentos fóra das propias localidades debían estar ben xustificados.

Xa de forma regular, co inicio da fase 1 de desconfinamento, a posibilidade de desprazarse dentro da mesma provincia favoreceu a ocupación de segundas residencias. Esta liberdade acrecentou as sospeitas entre a veciñanza as corporacións locais, coñecedoras do seu contorno e do turismo que habita zonas concretas dos seus concellos.

Un verán adiantado

É o caso do Grove, na comarca do Salnés. "A fase 1 espertou o interese de moitas familias de Pontevedra por ocupar antes da conta as vivendas que teñen aquí, mais tamén nos chegaron comentarios de preocupación desde zonas concretas como San Vicente do Mar ou A Toxa, onde a veciñanza detectou xa a presenza de familias de fóra da provincia", apunta a Nós Diario José Antonio Cacabelos, alcalde do municipio.

Para o rexedor, esta vai ser unha tendencia que se consolide nas próximas datas. A afluencia de visitantes con casa propia no concello vaise adiantar e vaise prolongar durante máis tempo ca outros anos. "A chave está en que non haxa un rebrote. Se o virus permanece fóra de circulación as previsións son positivas. As reservas de cara a segunda quincena de xullo están aumento, e a hostalaría confía en completar un mes de agosto similar ao doutros anos". 

Sen reforzos sanitarios

Desde o Grove observan o verán cun optimismo moderado, a sabendas de que a baixa circulación do virus identifica Galiza como un destino tranquilo. "Esa tranquilidade xera confianza e esa confianza, seguridade", advirte Cacabelos, quen nesta ecuación recoñece un risco en caso de que se detecten novos focos de contaxio. "Nos últimos tres anos o centro de saúde está nun declive total cunha falta de médicos e de profesionais sanitarias moi importante. Sempre pedimos un reforzo, e este ano volveremos insistir, porque con ou sen estado de alarma as carencias sanitarias, especialmente na Atención Primaria, seguen sendo notábeis".

Desde as súas competencias, o Grove traballa para reforzar o persoal de socorrismo, limpeza e control das praias, 25 en todo o municipio, "un número que poden axudar a espallar os veraneantes e a respectar as medidas de distanciamento recomendadas". Neste sentido, o rexedor do Grove apela ao sentido común e á responsabilidade das persoas. "Vai ser a única medida preventiva que nos vai permitir xestionar o verán de acordo coa situación que estamos vivindo. Aquí non imos implantar ningún sistema de cita previa, capacidade ou control de acceso ás praias porque non é viábel desde o punto de vista técnico, humano nin económico".

Control da mobilidade

Tampouco en Barreiros, na Mariña, estudan medidas de vixilancia específicas para os 8 quilómetros de costa salvaxe que xestiona. Na última semana, as praias amosaron unha estampa propia do verán en canto a ocupación, cando aínda non comezou a temporada. Unha mostra, sinala a alcaldesa Ana Ermida, de que a mobilidade e o acceso a segundas vivendas se anticipou con respecto a outros anos. "E preocúpanos, porque aquí o virus circulou moi pouco e socialmente estamos menos inmunizados. Calquera chegada de persoas posíbeis portadoras pode ser un problema de saúde pública, xa que o sistema sanitario da comarca tampouco está preparado para recibir a presión asistencial que pode producirse coa chegada de turistas procedentes doutras zonas do Estado con máis contaxios". 

Neste sentido, co fin de anticiparse e impedir unha situación de colapso do sistema de saúde, Ermida avoga por "controlar a mobilidade e garantir a seguridade sanitaria dos territorios". A rexedora de Barreiros cre necesario que as autoridades sanitarias estuden a figura máis adecuada para impedir a mobilidade entre zonas con distinta afectación do virus "porque, se non, áreas como Madrid e Barcelona poden actuar como irradiadoras do virus cara a localidades menos castigadas".

O sistema sanitario da comarca non está preparado para recibir a presión asistencial derivada da chegada de turistas procedentes doutras zonas do Estado con máis contaxios.

Coa mesma cautela traballan desde o concello de Cabanas, na comarca do Eume, afeito a duplicar a poboación no verán sen reforzo ningún do seu sistema sanitario local de atención pública. "Non hai previsión de que cheguen reforzos tampouco este ano, e xa se aprecia un aumento da veciñanza, sobre todo de familias da contorna de Ferrol", asegura o tenente de alcalde Iago Varela, á espera do turismo lugués e madrileño. 

As terrazas, o paseo marítimo e as praias de Cabanas, nchéronse de visitantes co inicio da fase 2. O bo tempo alentou aínda máis os paseos e as compras nos supermercados, sinal de que as segundas residencias abriron as súas portas, destaca Varela, quen apunta a necesidade de limitar a mobilidade procedente de territorios aínda en fases previas de desconfinamento. "Aquí só tivemos cinco casos e queremos  seguir garantindo un contorno saudábel", polo que xa regularon as zonas de paseo e prevén limitar o aparcadoiro nos areais.