A calixe provoca niveis "de emerxencia" na calidade do aire de varios concellos galegos

Imaxe da calixe de po sahariano na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Meteogaliza recomenda evitar estancias prolongadas no exterior e evitar toda actividade física ao aire libre nos concellos con situación "moi mala" e "pésima".

O temporal Celia, que está a arrastrar area do deserto do Sahara até a Galiza, provocou un empeoramento xeralizado da calidade do aire nos concellos galegos, que nalgúns puntos chegan incluso a rexistrar niveis "de emerxencia".

Segundo as estacións de medición da calidade do aire instaladas por Meteogaliza, con datos até as 18 horas, a calidade do aire é '"regular" en 16,7% do país e "mala" en 9,5%. A estación de Lalín e a de Cementos Cosmos en Sarria miden unha calidade "moi mala", pero é na de Laza na que se rexistra a peor situación, cunha calidade do aire "pésima" que recomenda medidas "de emerxencia".

Entre outros elementos, a entrada de aire con po en suspensión queda obxectivada en datos como a concentración de partículas sólidas PM10 no ambiente, cuxo tamaño é inferior ás dez micras. O valor máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para este parámetro é de 50 microgramos por metro cúbico.

Un límite amplamente superado segundo os rexistros da estación de Laza, que notifica unha concentración en alza, que xa alcanza os 237 microgramos por metro cúbico, case cinco veces por encima do máximo da OMS.

Situación de "emerxencia sanitaria pública"

Meteogaliza considera esta situación como unha "emerxencia sanitaria pública" e advirte de que a poboación pode "estar seriamente afectada". Así, recomenda evitar estancias prolongadas no exterior e evitar toda actividade física ao aire libre nos concellos con situación "moi mala" e "pésima".

Cunha situación algo mellor que Laza están Lalín e Sarria, dado que a presenza de partículas en suspensión case triplica o máximo recomendado pola OMS na primeira, até os 139 microgramos por metro cúbico, mentres que en Sarria detéctanse niveis de 111, cunha calidade do aire tamén "moi mala".

No seguinte nivel, as medicións da calidade do aire son "malas" en catro estacións: Teixeiro, Torre de Hércules, a de Fingoi e a de Xinzo de Limia, . As cifras sitúanse en todos os casos por encima do máximo de 50, concretamente en 50, 54, 57 e 98 microgramos por metro cúbico, respectivamente, e pídese á poboación que tome precaucións, especialmente ás que teñen problemas respiratorios.

Finalmente, a evolución do aire marca parámetros normais próximos ao máximo recen seis estacións: Riazor, na Coruña (48), Escola de Música de Burela (41), San Caetano (50) e Campus Sur (40), ambas as de Santiago; a da parroquia de Mourence, en Vilalba (50) e a da rúa Gómez Franqueira en Ourense, con 41 microgramos por metro cúbico. Nestes casos, a calidade do aire é "regular".